Noticias

A Deputación financia na Lama con preto de 35.000 € un muro de contención e o ensanche do camiño no Castro

Só co Plan Concellos, A Lama ten este ano á súa disposición máis de 800.000 euros da Deputación de Pontevedra, un 73,3 % máis que no 2017


22 xullo 2018
Plan Concellos 2018-2019

A Deputación de Pontevedra vén de aprobar, mediante resolución presidencial, un novo investimento no concello da Lama ao abeiro da liña 1 do Plan Concellos 2018. Trátase esta vez dunha axuda de 34.307,08 euros para un muro de contención e ensanche do camiño no Castro.

Ademais destas cantidades, o Plan Concellos xa adxudicou anteriormente varias axudas para o municipio pontevedrés. En concreto, 45.245,76 euros na liña 2 para o financiamento da Semana Cultural 2018, para a celebración do entroido e para a Festa do Codillo. E tamén, outros 72.193,80 euros foron destinados á contratación de 13 traballadoras e traballadores que están a desempeñar funcións no concello, dentro da liña 3 do Plan Concellos 2018.

Ata este momento, o Plan Concellos 2018 xa entregou 151.746,64 € do total destinado á Lama, isto é, o 18,63 %.