Noticias

A Deputación financia catro novas actuacións na comarca de Vigo co Plan Concellos 2019

Cun total de case 132.000 euros levaranse a cabo obras nos municipios de Gondomar, Mos, Redondela e O Porriño


16 abril 2019
Plan Concellos

A Deputación de Pontevedra aprobou, mediante resolucións presidenciais, catro novos investimentos para os concellos de Gondomar, Mos, Redondela e O Porriño, ao abeiro da liña 1 do Plan Concellos 2019, por un total de 131.952,15 euros.

Máis polo miúdo, destinaranse 47.578,93 euros para obras de mellora da pavimentación e saneamento en camiños municipais, no barrio da Fonte, en Peitieiros-Gondomar. Un total de 48.333,45 euros serán para un proxecto de edificación deportiva, destinada a ximnasio, no campo de fútbol de Coto Torrón, en Mos. Para o concello de Redondela achegaranse 24.349,77 euros que servirán para o acondicionamento e mellora do camiño do Tanque, en Cesantes. Pola súa banda, o concello do Porriño vai recibir un total de 11.690 euros para o subministro de maquinaria de viais e obras.