Noticias

A Deputación finaliza a asignación das Axudas Básicas de Emerxencia do 2019 coa achega de 107.600 euros ao último grupo de doce concellos da provincia

O Goberno provincial destinou 465.000 euros a estas axudas, "coas que garantimos que as persoas que están a atravesar dificultades teñan os dereitos básicos"


31 xaneiro 2020
Axudas básicas de emerxencia

A Deputación de Pontevedra rematou a asignación das Axudas Básicas de Emerxencia (ABE) do pasado ano 2019 achegándolle 107.600 euros ao último grupo de doce concellos da provincia, segundo informou a presidenta da institución provincial, Carmela Silva. En total, o Goberno provincial destinou 465.000 euros a estas axudas o pasado ano. Estas van dirixidas aos 52 concellos de menos de 20.000 habitantes para que poidan atender as demandas de urxente e puntual necesidade da veciñanza que se atope en situación ou risco de exclusión social.

Neste grupo de concellos inclúense Arbo, Meaño, Mondariz-Balneario, Pazos de Borbén, Pontecesures, Ribadumia, Sanxenxo, Silleda, Tomiño, Tui, Valga e Vila de Cruces. Como explicou Silva, as axudas van destinadas á "alimentación, uso da vivenda, pagamento de recibos, pagamentos de produtos de hixiene e limpeza, pagamento de produtos farmacéuticos, electrodomésticos básicos, desprazamentos, pagamento de lentes e audiófonos ou de tratamentos de odontoloxía, produtos de apoio e axudas de apoio á infancia". A seguir, a presidenta afirmou que "estas son as axudas que lles permiten ás persoas que están a atravesar dificultades ter os dereitos básicos que todas as persoas teñen que ter. E é a Deputación de Pontevedra quen os garante".

Carmela Silva lembrou que, no ano 2018, estas axudas déronlles cobertura á máis de 1.851 familias da provincia, das que 1.408 tiñan menores ao seu cargo e 1.036 tiñan ambas ou ambos proxenitores en situación de desemprego. "Este é un servizo básico do que esta Deputación se sente orgullosa", destacou. Ademais, mencionou que 336 das familias beneficiarias eran monoparentais; 388 eran usuarias do Servizo de Educación e Apoio Familiar e 53 eran usuarias do Servizo de Axuda no Fogar. Así mesmo, 68 das persoas beneficiarias eran vítimas de violencia de xénero, 324 tiñan diversidade funcional ou grao de dependencia recoñecido e 272 eran persoas maiores. Por outra banda, 188 eran persoas con alcoholismo ou drogodependencia.

Audios

  • Audio