Noticias

A Deputación de Pontevedra fai posible cunha achega de 300.000 euros que Portas renove o seu camión de recollida de lixo e mellore a rede de saneamento rural

Santos Héctor: "O Plan Concellos naceu para tratar aos concellos como maiores de idade e que eles puideran decidir en que se empregan os fondos da Deputación"


11 febreiro 2021
Plan Concellos visita a Portas

O Concello de Portas puido adquirir un camión de recollida de residuos sólidos urbanos así como sanear as augas residuais nos lugares de Outeiro, Currás e A Estación grazas a preto de 300.000 euros que proviñeron do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. Os deputados provinciais Santos Héctor e Manuel González coñeceron de primeira man estas actuacións cunha visita a Portas, onde estiveron acompañados polo seu alcalde, Ricardo Martínez, e o concelleiro Víctor Estévez.

Santos Héctor quixo poñer en valor que as dúas actuacións realizadas ao abeiro deste plan provincial están en sintonía co compromiso medioambiental adquirido polo ente provincial e compartido tamén polo Concello de Portas. Ademais, segundo resaltou o deputado, "estas actuacións tamén melloran a calidade de vida dos veciños e veciñas" facendo posible a calidade na prestación duns servizos tan básicos como son a recollida de lixo ou o saneamento no rural.

O deputado provincial falou tamén da relevancia do Plan Concellos na súa visita a Portas: "O Plan Concellos naceu para tratar aos concellos como maiores de idade e que eles puideran decidir en que se empregan os fondos da Deputación". "Deste xeito, os investimentos gañan en efectividade e contribúen dun xeito máis efectivo a mellorar a calidade de vida da veciñanza". Destacou ademais o feito de que cada concello sabe de antemán a contía que vai recibir, posto que a repartición realízase por criterios regrados e obxectivos.

Pola súa banda, o alcalde de Portas quixo agradecer á Deputación estas achegas grazas ás que "concellos tan pequenos coma o noso non daría feito actuacións como mercar un camión, o "alcantarillado" ou outras moitas obras que se logran co apoio da Deputación". Martínez destacou que o concello destinará case unha terceira parte das achegas de este plan para o 2021, que ascenden e case 400.000 euros, á contratación de persoal. En palabras do alcalde "estamos nun momento de crise e cremos que resulta convinte favorecer a contratación de xente para traballos que hoxe en día sen van demandar máis coa COVID-19".

O novo camión recolector de residuos, que hoxe estivo aparcado fronte á casa do concello, tivo un custo de 134.000 euros, cos que Portas pode continuar prestando un "servizo básico como é a recollida de lixo e cuxo mantemento constitúe unha prioridade", tal e como indicou Santos Héctor na visita. O vehículo conta con carga traseira para a recollida de lixo e gran forza de compactación para realizar este servizo dun xeito máis eficiente. A súa caixa recolectora conta con oitos metros cúbicos de capacidade e é completamente estanca, para evitar posibles vertidos nas rúas. Ademais, dispón de sistemas que garanten a seguridade das persoas que a empregan.

En canto á nova rede de saneamento nos lugares de Outeiro, Currás e A Estación, na parroquia de Portas, a obra sufragouse cunha achega provincial de 158.000 euros. Estas actuacións, que se levaron a cabo tanto en estradas provinciais coma no viario municipal, contan con preto de 1,3 quilómetros de tubaxes e inclúen 26 pozos de rexistro e un de bombeo