Noticias

A Deputación estrea nova sinalización para identificar 1.200 quilómetros das súas estradas provinciais

Os novos fitos quilométricos servirán como referencia de situación a persoas usuarias e persoal técnico de mantemento


26 marzo 2019
A Deputación estrea nova sinalización

A Deputación de Pontevedra está a rematar nestes días a instalación dos novos fitos quilométricos que identificarán por vez primeira uns 1.200 quilómetros da súa rede provincial de estradas. Estes sinais darán información sobre o nome e titularidade da vía, así como do punto polo que se circula, amosando a distancia en quilómetros con respecto ao inicio da estrada, e teñen o obxectivo de servir como referencia de situación para persoas usuarias e persoal técnico de mantemento.

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez explica que coa nova identificación das vías provinciais cóbrese a sinalización do 70 % da rede da Deputación, que ata o momento non tiña ningún tipo de rótulo explicativo. De feito, ata o de agora apenas había indicadores tipo ‘monólito' co antigo logotipo provincial nas vías da comarca do Salnés e nalgún concello puntual.

Os novos sinais son placas rectangulares de metal, de deseño atemporal e con certificado de conformidade CE, seguindo o formato que tamén utilizan o Ministerio de Fomento e a Xunta de Galicia para o seu viario. Instaláronse a cada quilómetro da vía e achegan datos da denominación oficial da estrada sobre un fondo laranxa: as letras EP-correspondentes ás iniciais de estrada provincial-, e o seu número, cuxas dúas primeiras cifras corresponden ao Concello e as dúas seguintes ao número de vía provincial dentro de cada municipio.

A subministración e instalación dos fitos quilométricos dividiuse en catro lotes que sumaron un Orzamento de 370.658,49 euros. O primeiro lote abrangue as comarcas de Pontevedra, Vigo, O Condado e A Paradanta, con 411 novos fitos colocados; o segundo lote prevé a colocación de 359 sinais nas comarcas de Pontevedra, O Morrazo e Caldas; o terceiro lote supón a instalación de 428 fitos nas comarcas de Vigo, O Baixo Miño, O Condado, Caldas e O Salnés; e finalmente, para as comarcas de Deza, Tabeirós-Terra de Montes e Caldas destínanse 640 sinais.