Noticias

A Deputación estrea este domingo en Silleda as "DepoAndainas" 2019 coa ruta que percorrerán duascentas persoas pola fervenza do Toxa

Ata o 7 de agosto segue aberto o prazo de inscrición para a segunda das rutas programadas pola Deputación, que terá lugar o día 11 polas marismas de Catoira


02 agosto 2019
Depoandainas

A Deputación de Pontevedra inicia este vindeiro domingo 4 de agosto unha nova edición, a cuarta, do programa "DepoAndainas" 2019 coa primeira das sete rutas previstas, na que preto de 200 persoas de distintos puntos da provincia farán un percorrido pola fervenza do Toxa, no concello de Silleda.

Nesta andaina, que terá lugar pola mañá, as persoas participantes coñecerán a  paisaxe deste contorno, formada por bosques espesos, e tamén se achegarán ao mosteiro de Carboeiro. O programa "DepoAndainas" ten por obxectivo fomentar hábitos de vida saudable ao tempo que promove o turismo. Ademais, ten un marcado compromiso co medio ambiente e, por este motivo, en cada una das sete andainas impartiranse charlas de concienciación e sensibilización.

Por outra banda, hai que lembrar que ata o 7 de agosto segue aberto o prazo para inscribirse na segunda das rutas, que consistirá nun paseo fluvial polas marismas de Catoira e para a cal o venres xa estaban cubertas 210 das 300 prazas, aínda que o Concello poderá ofertar outras 50 prazas adicionais.

Nesta segunda andaina, que terá lugar o 11 de agosto, as persoas participantes poderán coñecer lugares de interese como as torres de Oeste e a paisaxe da zona, formada por bosques densos, marismas e praias fluviais, onde os muíños de vento resultan habituais. É tamén un itinerario só de mañá, no que as persoas inscritas poderán trasladarse a Catoira en autobús (as saídas serán desde a praza de Galicia de Pontevedra e a praza de España de Vigo), e terán un tempo de descanso despois da ruta para poder afondar nos recursos turísticos da zona. Neste mesmo eido, durante a andaina, tamén se lles achegará información relativa a aspectos do patrimonio cultural e histórico. As persoas interesadas en participar neste percorrido deberán cubrir o impreso de solicitude na páxina web www.depo.gal.

A programación continuará o 18 de agosto co percorrido polo parque forestal da Illa da Toxa e pola ruta das pasarelas de Pedras Negras no Grove (o prazo abre o día 6 de agosto) e o 1 de setembro polo parque da Canuda e o paseo fluvial da illa Fillaboa en Salvaterra de Miño (o prazo de apertura de inscricións abre o 19 de agosto).  A quinta andaina terá lugar o 22 de setembro polo Bosque Encantado en Cangas e polas illas Cíes en Vigo (abre o prazo o 2 de setembro) e xa no mes de outubro terán lugar as dúas últimas rutas: o día 6 polo monte de Santa Trega na Guarda e os muíños do Folón no Rosal (a inscrición comezará o 23 de setembro) e o 12 pola Ruta da Pedra e da Auga de Ribadumia (o prazo para inscribirse comeza o 30 de setembro).