Noticias

A Deputación estrea esta semana a súa aposta polos castros musealizados da provincia coas "Historias Cavadas"

Comezan as visitas escenificadas que chegan a Toiriz en Silleda este luns e o mércores, o xoves a Castro Alobre en Vilagarcía e o venres á Subidá, en Marín


12 setembro 2021
Historias Cavadas

Con todas as prazas esgotadas, o programa da Deputación "Historias Cavadas" estréase por todo o alto esta próxima semana cunha programación que inclúe catro visitas escenificadas aos xacementos musealizados da provincia. As novas citas culturais terán lugar o luns 13 e mércores 15 no Castro de Toiriz, en Silleda; o xoves 16 en Castro Alobre, en Vilagarcía de Arousa e o venres 17 no Castro da Subidá, en Marín. As "Historias Cavadas" continuarán de novo na Subidá, o día 24, e finalizarán en Castro Alobre o 30 de setembro.

Este novo programa da Deputación de Pontevedra conxuga cultura, diversión e patrimonio e busca poñer en valor os castros musealizados da man dos principios de sustentabilidade, accesibilidade e inclusión de tódolos públicos. As sesións serán realizadas polo grupo Troula Animación e, máis concretamente protagonizadas por dous personaxes, un romano e unha castrexa, que lle darán unha "onda cómica" a estes percorridos pola historia, co obxectivo de converter estas visitas nunha experiencia non só cultural, senón divertida para todas as idades. A duración estimada é de 50 minutos e trátase dunha actividade accesible e inclusiva, que contará así mesmo con intérprete de lingua de signos.

O obxectivo destas visitas é que a historia, o valor cultural, o contexto social e o significado artístico e patrimonial destes xacementos arqueolóxicos, sexa interpretado e chegue ao público dunha maneira amena e didáctica, que axude a comprender o importantísimo papel que teñen como testemuña do pasado e o indispensable labor de recuperación e respecto que se realiza para sacalos á luz e que continúen a súa historia cara o futuro.