Noticias

A Deputación estrea a película "Creadoras de cinema: Pontevedra" no marco do programa "Cinema e muller"

A estrea desta película colaborativa elaborada por dez creadoras galegas terá lugar mañá 17 de marzo, ás 19:30 horas, no Museo Provincial


16 mar 2016

No marco do programa que está a impulsar a Deputación, "Cinema e muller", mañá xoves, ás 19:30 horas, o Auditorio do Museo de Pontevedra acollerá, de balde e ata completar o aforo, a estrea da película colaborativa "Creadoras de cinema: Pontevedra", que inclúe curtas elaboradas por dez creadoras galegas, entre as que se atopan Carla Andrade, Bego Santiago, Carme Nogueira, Eva Calvar, Sonia Méndez, Andrea Zapata-Griau, Lara Bacelo, Olaia Sendón, Diana Toucedo e Claudia Brenlla.

"Creadoras de cinema: Pontevedra" trátase dun proxecto con temática e punto de vista de xénero no que as dez creadoras fixeron de directoras, cámaras e montadoras, demostrando a capacidade que teñen de realizar unha película de principio a fin cun orzamento e tempo axustados. O resultado é unha película de curtametraxes tecida coa influencia de cada unha das dez creadoras e na que se abordan cuestións coma a intimidade da creación, a corporeidade da natureza, a loita por facer oír a voz das mulleres, o traballo, as dificultades da conciliación, corpo e interior da muller ou relacións entre xeracións de mulleres da mesma familia.

Tras a estrea a película colgarase na páxina web www.depo.es/cinema-e-muller, ao alcance de todas e todos os internautas.

O proxecto "Cinema e muller", no que se enmarca a estrea de "Creadoras de cinema: Pontevedra", trátase, en palabras da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, "dun traballo para visibilizar a setenta mulleres que se dedican profesionalmente ao mundo do cine na provincia, un sector onde sempre foi e é moi difícil abrirse paso". Para iso o proxecto impulsou, ademais da estrea da película, un mapeamento de mulleres realizadoras vinculadas á provincia que abrangue máis de 70 creadoras con, ao menos, unha estrea pública.

"Cinema e muller" inclúe tamén unha serie de charlas sobre cinema e xénero que terán lugar no MARCO de Vigo os días 17 e 18 de marzo, de 10:30 a 14:00 horas. Estas charlas serán impartidas por profesoras e investigadoras do ámbito universitario, feministas e especialistas en cinema e xénero, entre as que se atopan Mar Caldas, Margarita Ledo, Marta Pérez, Ánxela Caramés, Carme Nogueira e Renata Otero.

O programa "Cinema e muller" rematará o venres 18 de marzo, ás 21:00 horas, cun concerto de Cinta Adhesiva, que conxuga artes escénicas, poesía, música e vídeo arte, na praza da Colexiata de Vigo.