Noticias

A Deputación de Pontevedra esíxelle á Xunta de Galicia que abandone dunha vez a súa inacción con Adro Vello e se comprometa xa coa posta en valor do xacemento

Dado que tres das catro Administracións involucradas (Concello, Costas do Estado e Deputación) deron a súa conformidade, convocarase a primeira xuntanza da Comisión Interinstitucional nun prazo dunha semana, reiterando invitación á Xunta


04 febreiro 2021
Visita a Adro Vello no Grove

A Deputación volverá "mover ficha" para a recuperación do xacemento arqueolóxico de Adro Vello, no Grove. Unha vez que tres das catro Administracións con competencias compartidas sobre este enclave (Administración do Estado, Concello do Grove e Deputación de Pontevedra) confirmaron a súa disposición a traballar conxuntamente para a posta en valor do enclave, concederá un prazo dunha semana para que a Xunta de Galicia se sume á proposta da Comisión Interadministrativa. O deputado Carlos Font esíxelle á Xunta que abandone a súa inacción e ao conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, que conteste á carta remitida pola Deputación invitándoo a sumarse, no mesmo sentido que xa teñen feito Costas do Estado e o Concello meco.

Carlos Font revelou que Costas do Estado acaba de confirmar por escrito a súa disposición a participar na Comisión Interadministrativa coa presencia do xefe provincial, Enrique Fernández. Toda vez que o Concello do Grove xa dera resposta positiva, tan só falta a Xunta en sumarse a este instrumento de cooperación. A Deputación insiste en que só cun traballo coordinado pode conseguirse que Adro Vello ocupe, por fin, un lugar destacado na axenda política de promoción do patrimonio cultural galego.

Carlos Font considera "moi curioso, que días despois da súa visita ao xacemento, o pasado día 28, acompañado do alcalde, José Antonio Cacabelos, para reclamar a creación desta Comisión Interadministrativa e a aprobación dun Plan Director cun cronograma concreto de actuacións, a Xunta saia á luz reactivando agora un expediente que levaba durmido máis dun ano". "Moi serio non parece, así que despois de asistir ao enésimo anuncio da Xunta sobre a inminente aprobación do BIC, unha mera escusa repetida para eludir as súas competencias en materia de patrimonio, temos claro que non podemos seguir atrapados no bucle de anuncios do Goberno galego". "Hai actuacións que son urxentes e alguén ten que tirar do carro".

Font recalca que só co impulso ao expediente de declaración como Ben de Interese Cultural (BIC), "tras máis dun ano de inexplicable parálise", tan só se dá o paso máis sinxelo e queda a parte máis difícil. "Esas pedras, cargadas de historia e significado", engadiu, "precisan tanto de actuacións urxentes para a súa preservación como dunha planificación seria para a súa musealización futura". Ademais, pregúntase se a Xunta ten algunha intención de impulsar o Plan Director do que o conselleiro de Cultura falou tamén en xaneiro de 2020, o mesmo día en que anunciou a declaración como BIC nun acto electoral.

Carlos Font explica que a Deputación decidiu enviar comunicacións oficiais a todas as Administracións pedindo a creación da Comisión. No texto remitido ao conselleiro advertíuselle de que a desaparición parcial do complexo dunar provocada pola acción de dúas mareas nos pasados meses de xuño e setembro de 2020 é "máis que visible" e está a degradar o enclave arqueolóxico. A elo súmase a falta de consolidación e restauración dos elementos do xacemento, algún deles sostido por estruturas de madeira instaladas hai 20 anos. Todo elo, conclúese, está recollido nun informe técnico do Departamento de Arqueoloxía da Deputación.

Font segue insistindo en que "é o momento de pasar páxina tras varias décadas de promesas incumpridas e de actuar con coordinación institucional, aprobar o Plan Director, e poñerse mans á obra cun calendario moi concreto". A Deputación propón comezar polo máis urxente, que é protexer Adro Vello do deterioro, e, a continuación, deseñar a posta en valor do que está a ceo aberto, así como as posibles ampliacións e a musealización de todo o conxunto. Sen desbotar tampouco o desvío da estrada provincial nun marco de colaboración institucional. O deputado volve lembrar que a veciñanza do Grove xa está farta de promesas e anuncios baleiros. "Xa se prometeu no ano 2000, dun xeito frívolo, o desvío desta estrada por parte do anterior presidente da Deputación, Rafael Louzán, e, a pesar de que estivo no cargo ata o ano 2015 nada se fixo". "Aprendamos", conclúe Font, "dos erros do pasado e xuntémonos para solucionar as esixencias do presente e os retos do futuro".