Noticias

A Deputación de Pontevedra esgota as prazas para as novas quendas das visitas teatralizadas ao castelo de Sobroso

En menos dunha hora cubríronse as 80 novas prazas dispoñibles para participar nas visitas, que terán lugar os días 23 e 30 de xuño, ás 12 e 17 horas


13 maio 2019
Visitas teatralizadas

Tras o éxito das visitas teatralizadas ao castelo de Sobroso a Deputación de Pontevedra decidiu organizar catro sesións máis, que terán lugar ás 12 e 17 horas, os domingos 23 e 30 de xuño, e novamente foron recibidas cun éxito rotundo. Así, as 80 prazas postas a disposición pola institución provincial esgotáronse hoxe en menos dunha hora.

As visitas teatralizadas ao castelo de Sobroso comezaron a pasada fin de semana cun cheo absoluto de familias que interactuaron coa pantasma Sancha que este ano é a encargada de guiar a actividade. En liñas xerais trátase dunha visita dinámica e participativa, na que as persoas deberán axudar a Sancha a cumprir o seu soño: escapar do castelo para viaxar. Deste xeito, nenas, nenos e persoas maiores realizan unha ruta polos muros da fortificación para buscar os obxectos agochados no castelo que Sancha precisa para marchar. Mentres se percorre o recinto á procura dos obxectos para Sancha, as persoas participantes na actividade coñecen da man da pantasma as historias do castelo e tamén das persoas que o habitaron.

Como cada ano, coas visitas teatralizadas a Deputación de Pontevedra busca desestacionalizar o turismo na provincia e dar a coñecer a historia tanto do castelo de Sobroso como do de Soutomaior dun xeito ameno, interactivo, innovador e divertido.