Noticias

A Deputación entregará esculturas realizadas por Cándido Pazos nos premios do LV Concurso Internacional da Camelia

A ‘Camelia de Ouro' é o único galardón que non corresponde ao escultor, e será unha peza de xoiería realizada en ouro e prata


06 marzo 2019
Premio Mármore Roxo

"Son pezas exclusivas, realizadas especificamente para esta ocasión por un escultor de recoñecido talento do noso país e que ademais ten unha gran vinculación co mundo da camelia" asegura a deputada delegada da EFA, Eva Vilaverde. Trátase de pequenas esculturas realizadas en serpentina e mármore de diferentes cores e que simbolizan a flor de camelia, todas realizadas polo escultor Cándido Pazos. A escolla deste tipo de premio responde, segundo explica Eva Vilaverde a que "quixemos darlle un carácter artístico á peza a entregar nesta edición, que funcione como recoñecemento ao bo facer das gañadoras e gañadores do concurso, pero tamén coma unha chiscadela aos artistas e ao talento que temos no país". En total serán 10 primeiros premios, 8 segundos premios, e 3 terceiros premios repartidos en 10 categorías, aos que hai que sumarlle a ‘Camelia de Ouro', que nesta ocasión será unha peza de xoiería realizada en ouro e prata.

As pezas corresponden con pequenos bloques cadrados de mármore ou serpentina nos que o escultor tallou unha flor de camelia, e que van colocados sobre unha base de madeira. As pezas tamén representan unha importante variedade cromática en función da pedra utilizada para a súa elaboración. Así, a serpentina dá lugar a pezas de cor verde escuro, e do mármore conséguense pezas totalmente brancas, pezas totalmente negras, pezas negras con veta branca e pezas ‘roxas'. Ás persoas recoñecidas co premio especial ‘Antonio Odriozola', co premio da Sociedade Española da Camelia e cos primeiros premios das diferentes categorías, entregaráselle un estoxo con tres pezas de diferentes cores. Para os segundos premios entregarase un estoxo con dúas pezas, e para os terceiros premios entregarase un estoxo cunha única peza.

Premios e categorías

O premio Camelia de Ouro concederáselle á persoa que presente o conxunto de variedades de camelia máis destacado en canto ao número e á calidade das flores. A persoa gañadora da Camelia de Ouro non poderá optar aos demais premios e será invitada a formar parte do xurado do concurso do ano seguinte, no que as súas flores terán un lugar destacado, pero non poderá participar como concursante.

O premio Especial Antonio Odriozola outórgaselle á flor individual máis destacada das que optan a este premio e que se exporán nun espazo separado. Cada concursante poderá presentar un máximo de cinco cultivares, representado cada un deles por unha única flor e será requisito imprescindible que estean identificadas co nome da especie e o de cultivar á que pertencen.

Establécense primeiro, segundo e terceiro premio aos mellores lotes das categorías ‘Camellia reticulata' -de calquera cor ou variación-; ‘Híbridos de Camellia'; e ‘Outras especies de Camellia'. Tamén se establecen primeiro e segundo premio aos mellores lotes de Camellia japonica branca; Camellia japonica rosada ou doutras cores; Camellia japonica vermella: e Camellia japonica xaspeada ou variegata. Os lotes que participen en todas estas modalidades deberán ser o máis homoxéneos posible e representativos da variedade á que pertenzan. Estarán formados por un mínimo de tres flores e un máximo de sete agás en caso das ‘camelias doutras especies' que se poderán expoñer sen limitación de número. En caso de empate entre varios lotes o xurado manifestarase a favor daquel que teña as flores máis homoxéneas.

Tamén se establecen primeiro e segundo premio á mellor presentación artística, categoría na que se valorará o conxunto de flores e plantas de camelia, acompañadas ou non doutros obxectos e elementos decorativos, que, a xuízo do xurado, se diferencien pola súa colocación artística. Os conxuntos que opten a este premio participarán unicamente nesta categoría.

Por último, o premio Especial da Sociedade Española da Camelia outorgaráselle á persoa concursante máis destacada entre as que participen por primeira vez no certame de Pontevedra, con independencia de que se presentase en calquera das outras sedes do concurso.

Fotos