Noticias

A Deputación entrega mañá xoves os títulos de técnicos e técnicas Ágora a 124 persoas no acto de clausura da Facultade Ágora

A gradación da primeira promoción de persoal especializado na recuperación do espazo público permitirá aos concellos da provincia levar adiante proxectos de deseño urbano "que poñen ás persoas no centro"


15 decembro 2021
Facultade Agora

A Deputación vai entregar este xoves os títulos de gradación como técnicas e técnicos Ágora a 124 persoas no acto de clausura da Facultade Ágora. Os diplomas desta iniciativa pioneira en España recoñecerán a formación sobre recuperación do espazo público: a gradación da primeira promoción de persoal especializado permitirá aos concellos da provincia levar adiante proxectos de deseño que aposten pola calidade  urbana e "poñan ás persoas no centro".

Serán ‘técnicas Ágora' a práctica totalidade das persoas que asistiron a todos e cada un dos once seminarios formativos que se celebraron dende o mes de abril, se presentaron a exame e superaron as probas realizadas a principios de mes. O resto das persoas que asistiron alomenos ao 80% dos seminarios (máis de 60) recibirán o certificado de participación. Cabe lembrar que foron máis de 200 as persoas matriculadas, principalmente representantes políticas e técnicas dos concellos da provincia, mais tamén persoal técnico doutros lugares do estado.

Segundo explica a Deputación ambos recoñecementos, tanto o título como o certificado de asistencia, serán valorados pola institución provincial á hora de presentarse a procesos selectivos propios, así como tamén á hora de asinar proxectos de mobilidade por parte de empresas externas. Ademais, suporán un ‘plus' de calidade persoal e particular nos currículos, xa que acreditarán formación no tratamento de calidade dos espazos públicos, unha materia que a día de hoxe non se aborda de maneira específica nas escolas de Arquitectura nin Enxeñería.

As titulacións entregaranse formalmente no acto que se desenvolverá mañá xoves 16 a partir das 10 da mañá. Participará o padriño da Facultade, o director xeral de Axenda Urbana e Arquitectura do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Iñaqui Carnicero, ademais de representantes do goberno da Deputación, do Concello de Pontevedra e da Rede de Cidades que Camiñan.

Hai que lembrar que este quedou limitado exclusivamente ao alumnado da Facultade e, por principio de prudencia ante a situación Covid, ocupará exclusivamente o 50% da capacidade do salón de actos do Pazo da Cultura. Está tamén previsto o seguimento do evento vía telemática por parte de persoas interesadas externas a través da plataforma Zoom.

A Facultade Ágora desenvolveuse dende o mes de abril ata o mes de xuño e dende mediados de setembro a mediados de novembro. Desenvolvéronse 11 seminarios: o espazo público como dereito; a cidade de 15 minutos no territorio disperso; espazos amables, inclusivos e seguros; as persoas primeiro; o tráfico necesario; mobilidades alternativas; hábitat saudable e  biodiverso; hábitat xogable; localidades atractivas; inclusión social; e hábitat sociable.

Entre o profesorado houbo máis de 40 persoas de diferentes ámbitos que participaron como relatoras sobre o espazo público. Entre elas Zaida Muxi, coñecida pola súa experiencia en cuestións de espazo e xénero; Francesco Tonucci, pedagogo fundador da Cidade dos Nenos';  María Ángeles Durán, catedrática e investigadora do CSIC; o arquitecto José Fariña autor dun blog sobre pedagoxía, urbanismo e territorio; Rubén Lois, doutor en Xeografía da USC; Izaskun Chinchilla, autora de ‘La ciudad de los cuidados'; José María Ezquiaga, Premio Nacional de Arquitectura; Marta Román, experta en proxectos de mobilidade infantil e consultora en Gea21; Salvador Rueda, Director da Axencia de Eoloxía Urbana de Barcelona; ou Alfonso Sanz, autor de ‘Calmar el tráfico'