Noticias

A Deputación ensanchará a sección de tres quilómetros da estrada provincial entre Couso e San Miguel de Barcala no Concello da Estrada

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez reuniuse hoxe co alcalde, con quen tamén se comprometeu a mellorar o firme a totalidade da vía Berres-Vilancosta e a súa posterior transferencia ao Concello


12 xullo 2018
Reunión do deputado de mobilidade en o alcalde de A Estrada

A Deputación de Pontevedra, a través do Departamento de Mobilidade, vai ensanchar a estrada provincial EP-7007 entre Couso e San Miguel de Barcala nun treito de tres quilómetros. Así llo comunicou hoxe nun encontro o deputado de Mobilidade Uxío Benítez ao alcalde da Estrada José Carlos López Campos, con quen se comprometeu a realizar melloras noutras tres vías provinciais dentro do termo municipal.

A reunión entre o deputado e o alcalde produciuse logo de que Benítez fixera chamar ao rexedor para coñecer de primeira man as prioridades do Concello para as vías da Deputación. Benítez lembrou o alcalde da Estrada era un dos poucos da provincia que non lle solicitara ata o de agora ningún encontro e indicou, de feito, que unicamente tiña coñecemento de necesidades dentro do termo municipal a través de peticións aparecidas en prensa e non directas ao departamento. "Desde a Deputación temos un grande respecto pola autonomía municipal. Entendemos que son os concellos os que deben marcar e priorizar as obras a realizar e que a Deputación –que tamén ten a súa visión– debe colaborar. Por iso solicitei a presencia do alcalde, para que aclarase a súa postura sobre as necesidades da vila", destacou o nacionalista, quen á saída da reunión manifestou un "entendemento e acordo unánime". "As obras máis urxentes decidíronse conxuntamente", explicou Benítez.

O deputado comprometeuse co alcalde a que persoal técnico da Deputación redactará un proxecto de mellora para a estrada provincial EP-7007 entre Couso e San Miguel de Barcala. As obras consistirán nun ensanche da sección nun treito de tres quilómetros entres os puntos quilométricos 5+650 e 8+160, para que a vía pase a ter un mínimo de 6 metros transitables de largo en lugar dos 4,4 metros actuais. Segundo apuntou Benítez, ademais do ensanche, realizarase unha rehabilitación estrutural do firme, renovarase a sinalización horizontal, e instalaranse dispositivos de calmado de tráfico (redutores de velocidade) onde se consideren necesarios por parte do persoal enxeñeiro.

A maiores destas obras en Couso-Barcala, Benítez e López Campos coincidiron en priorizar os traballos de reforma da EP-7021 entre Berres e Vilancosta. A intención é que a Deputación realice un proxecto de mellora para aumentar a seguranza viaria –un saneo do firme– que conlevará a transferencia ao Concello.

Tamén houbo compromiso por parte do responsable provincial de Mobilidade para redactar un proxecto de reforma do treito vello da estrada provincial ao seu paso por Sabucedo que quedou en desuso logo da construción da variante. Segundo apuntou Benítez, a proposta contemplará a reforma dun treito de medio quilómetro aproximadamente, realizando un saneo global do firme, melloras de cunetas onde sexa preciso, e tamén instalación de elementos de calmado de tráfico, así como a transferencia ao Concello.

Finalmente, o Departamento de Mobilidade tamén redactará outro proxecto para a estrada provincial EP-7016 (Estrada-Vinseiro-As Casetas), nun treito de 200 metros. O obxectivo desta actuación será mellorar a conexión da vía da Deputación coa estrada de entrada na vila a través dunha glorieta que substituirá o actual cruce coa estrada estatal, que supón un punto de inseguridade viaria. Dado que é preciso que para executar a obra o Concello consiga terreos, o proxecto irase redactando de xeito paralelo aos traballos do Goberno local para poñer os terreos a disposición.