Noticias

A Deputación de Pontevedra enche de contido Culturgal coa presentación de "Re-Acción cultural", a estrea de "Acorda" e a performance de "Violencia zero"

Carmela Silva esixe das administracións "accións e compromisos reais e non só palabrería que contribúan a un progreso onde importen as persoas, o novo paradigma para deixar de agredir ao planeta e que a igualdade e a cultura sexan o epicentro da actividade"


28 novembro 2020
Culturgal Violenzia Zero

A alianza da Deputación coa Culturgal volveu quedar patente no Pazo da Cultura de Pontevedra. A feira da cultura galega abriuse a piares da acción política da Deputación, como a cultura, a memoria e a igualdade, contando coa presencia da presidenta, Carmela Silva, e das deputadas de Memoria Histórica e Cultura, María Ortega e Victoria Alonso. A Deputación uniu na súa presentación "Re-Acciona coa cultura!", o programa que converte a cultura nunha ferramenta activa; a estrea do proxecto "Acorda", a última iniciativa do programa "O pasado do porvir", que chegou da man da deputada de Memoria Histórica e a coordinadora Uxía Senlle; e a acción artística a prol da igualdade coa performance de María Roja Can, Cancela, Calafrío.

"Re-Acciona coa cultura"

"Este é o momento de reivindicar o poder da cultura e que haxa recursos das administracións públicas para apoiala, porque é un elemento fundamental da actividade humana". "Que sociedade tan triste seriamos sen actividade cultural!", afirmou Carmela Silva, quen definiu ás mulleres e homes que crean, imaxinan ou interpretan como "construtoras e construtores de valores neste momento tan duro". Defendeu a necesidade de transmitir unha mensaxe de optimismo en liña co "gran pulo creativo que está a demostrar Galicia" e agradeceu ao mundo da cultura que lograra "abrir as portas e ventás, cando estabamos pechados nas nosas casas". Silva, acompañada da deputada de Cultura, Victoria Alonso, e a directora da área, Paula Cabaleiro, presentou "Re-Acciona coa cultura!", un amplo abano de actividades que van desenvolverse no que queda de ano e ao longo de 2021. "Un proxecto global e multidisciplinar e que leva o prefixo re, que é o de reacción, pero tamén o de revolución desde a cultura, porque somos un país cultural". Así destacou que o primeiro obxectivo é recuperar a cultura ao vivo. "Queremos levantar telóns, iluminar escenarios, visitar librarías, seguir ocupando as rúas accións, empoderar ás mulleres e vencellarnos co noso patrimonio". Cultura descentralizada e programada para chegar a tódalas persoas, "vivan onde vivan".

"Re-Acción na música" chega coa aposta polo Musigal, con 17 grupos que percorrerán 33 concellos e Pontegal, co compromiso absoluto coa música tradicional, "a nosa música". Con máis de 300 actuacións este ano, crecerá en 2021. A maiores, a Deputación continuará do lado dos Rías Baixas Fest "sete dos nove principais festivais de Galicia, que están na provincia". Sen esquecer o programa de apoio ás Escolas de Música, para incentivar a formación musical desde o territorio. "Re-Acción no patrimonio" mantén "Música no ar", o programa de actuacións de música clásica en castelos, pazos, castros e espazos patrimoniais, con 13 actuacións e 10 grupos, 50 artistas e 750 participantes. A Deputación aposta tamén pola posta en valor dos camiños xacobeos, "como símbolo do que nos une e enlaza" e promoverá Rutas de Arquitectura cun novo programa "Nas pedras da memoria", con música a carón de xacementos arqueolóxicos. "Re-Acción nas artes escénicas" é a vertente teatral, que ten en "Prendendo butacas na casa" o seu referente. O programa adáptase ás circunstancias actuais e durante este Nadal ofrecerá 8 representacións, coas principais compañías galegas, gravadas e dispoñibles en streaming, a través da web da Deputación. Un formato que Carmela Silva comparou co histórico programa "Estudio 1" de Televisión Española, que, destacou, é produto da necesidade de "reinventar".

"Re-Acción na produción audiovisual e no cinema" chega con Pontevedra "Plató de cinema", co patrocinio de cinco películas rodadas na provincia que cobrará aínda máis folgos en 2021. "Esta é a unha provincia con moito talento e queremos que aquí se fagan películas, series…" destacou. Ademais haberá axudas para os Festivais do Audiovisual e continuarase coa marca de calidade Rías Baixas Film Fest. "Re-Acción na escrita" é a liña que demostra o "apoio sen límites á escrita e á literatura, porque a palabra crea o pensamento do mundo". Seguirán tamén os Roteiros Literarios, o apoio a publicacións (en galego) e editoriais, e continuarase a senda de iniciativas como Caramomia, o proxecto colaborativo para o público xuvenil que significou o nacemento dunha historia dende Instagram. Igualmente, A presidenta amosouse orgullosa da Escola de Letras, "a única de Galicia e unha das poucas do Estado que chegou para quedar"

"Re-Acción contra as violencias de xénero" un ano máis con "Violencia zero" de referencia, con mulleres artistas e 25 accións para berrar desde a arte. A Emerxencia Cultural da Deputación deixará a arte mural e envorcarase na intervención en elementos de protección como as máscaras. Ademais, este ano está a facer posible exposicións como "8M. A palabra empoderada das mulleres" ou "Materiais para pensar, gozar e profanar". Ademais da novidade das xornadas Fóra de Plano: As Mulleres do Audiovisual.

A presidenta lembrou tamén o resto das liñas todas elas con novidades para 2021 como "Re-Acción para espallar cultura", para estreitar a colaboración co tecido asociativo; "Re-Acción para celebrar a cultura" co compromiso institucional cos días mundiais do Teatro, Poesía, do Libro, da Danza, da Música, das Letras Galegas ou o Día de Rosalía. Finalmente, enmarcado na "Re-Acción cultural e os #17ODS", Carmela Silva esixiu das administracións "accións e compromisos reais e non só palabrería" para desenvolver políticas que contribúan "a un progreso económico onde importen as persoas, que se respecte o novo paradigma para deixar de agredir ao planeta, que a igualdade sexa o piar central e que a cultura estea no epicentro da actividade humana". Obxectivos todos eles recollidos nos 17 grandes epígrafes da Axenda 2030.

A estrea de "Acorda" (O Pasado do Porvir)

A presentación de ‘Acorda. Cartografía Musical da Memoria Histórica de Pontevedra' foi unha das protagonistas da mañá no Culturgal. A deputada de Memoria Histórica, María Ortega, foi a encargada de expoñelo, explicando que se trata dun proxecto para dar a coñecer lugares e feitos singulares da memoria histórica da provincia "a través dunha expresión artística marabillosa que é a música". Agradeceu o traballo na dirección artística de Uxía, a colaboración das asociacións de memoria e tamén a asesoría de Montse Fajardo.

A propia Uxía explicou que no proxecto, "moi necesario e urxente, cun ton reivindicativo", participan voces moi diversas como as de Emilio Rúa e Silvia Penide, Ugia Pedreira e Marina Oural, Sheila Patricia, Eladio Santos, As Tanxugueiras e Isaac Palacín, Ezetaerre e a propia Uxía e Su Garrido, que dan voz ás vítimas a través de cancións que evocan a represión, recreando situacións moi concretas en lugares moi simbólicos. "Escollemos ás e aos artistas porque eran os máis apropiados, pola súa sensibilidade. Tiña que ser xente con moita implicación e incluso ligado a situacións de represión na súa familia", apuntou.

"Está ben revisar o pasado para situarnos no presente e previr ese avance do fascismo" dixo Uxía, para destacar a súa esperanza de que as temáticas que aparecen no traballo cheguen á xente nova dun xeito didáctico e ameno. Insistiu no obxectivo de destacar o papel das mulleres na resistencia, "porque moitas veces son esquecidas inxustamente e son directa e indirectamente represaliadas duramente". "Agardemos que o por vir que virá sexa esperanzador, que poidamos rexeitar este fascismo que ás veces está presente na sociedade", insistiu. Uxía deu paso ao primeiro tráiler do proxecto, explicando que a iniciativa foi medrando e non só deu lugar á interpretación dunha canción nun espazo, senón tamén a un guión para introducir e contextualizar cada peza e o que tivera acontecido en cada un dos escenarios elixidos, chegando a facer unha creación documental.

Os espazos escollidos para a gravación de ‘Acorda' foron a Deputación e a antiga ‘Escola Normal', dous lugares chave para a memoria na provincia xa que foi no edificio provincial, antigo Goberno Civil, onde se organizou a resistencia ao golpe de Estado e logo da vitoria dos golpistas foi onde se condenou a morte a moitas persoas. Desta situación pásase a ponte Regueiro, na Estrada, onde asasinaron a veciños da comarca de Deza-Tabeirós e do Salnés; para seguir ata o pozo da Revolta, en Marín, onde se fala da represión contra as mulleres; á praia de Massó, en Cangas, onde foron arroxados os mártires de Anguieiro, e onde se representa o trauma que para as familias supuxo non poder chorar ás vítimas; á praia de Alcabre (Vigo), onde se fala do sufrimento das mulleres que quedaron e a súa loita porque se lles faga xustiza, para que se loite contra a impunidade; á Bombardeira ou Volta dos nove, onde están as nove cruces que durante décadas apareceron pintadas na curva de Baredo, onde foron asasinados nove homes, como acenos de resistencia; á Volta da Moura, onde se pon de manifesto a necesidade que ten a xeración neta e bisneta de rachar co silencio, para que non se dea un paso atrás na loita contra os fascismos; e finalmente á Illa de San Simón, o gran símbolo da memoria e a solidariedade na Galiza, nunha reclamación para que sexa denominada ‘Illa da Memoria'.

A axenda da Deputación en Culturgal pola mañá rematou coa performance de "Violencia zero", o programa que clama contra as violencias machistas que chega a toda a provincia desde unha visión artística multidisciplinar. Nesta ocasión, a peza estivo a cargo da artista luguesa María Roja e levou por título Can, Cancela, Calafrío.

Xa pola tarde, ás 17:45 horas, no Teatro Principal chegará a presentación do libro O castelo de Soutomaior. Un lugar cheo de historias, de Diego Piay, editado por Alvarellos en colaboración coa Deputación. O traballo presenta documentos, planos, fotos e imaxes inéditas e descoñecidas ata a data, e inclúe na contraportada un gravado de Carmen Babiano Méndez-Núñez. Aínda que non é o primeiro libro sobre a historia do castelo, porque o primeiro foi escrito pola propia María Vinyals en 1904, si se trata do único que recolle a evolución do castelo ata hoxe e emprega todas as fontes de investigación dispoñibles na súa elaboración.

Fotos

Vídeos