Noticias

A Deputación elaborará un estudo de mobilidade sostible para urbanizar a vía provincial no núcleo de Carballedo

Trátase de dotar de aparcadoiro ao tramo que dá acceso ao centro médico e acometer unha urbanización respectando a singularidade do núcleo de poboación


03 ago 2016
Vía provincial Carballedo

Dotar de espazo de aparcadoiro ao tramo da vía provincial que dá acceso ao centro médico e á Casa do Concello de Cotobade e acometer unha urbanización do tramo que pasa por Carballedo respectando a singularidade deste núcleo, é a actuación prioritaria en materia de mobilidade que acordaron esta mañá o deputado provincial de Mobilidade, Uxío Benítez, o alcalde da localidade, Jorge Cubela. O deputado visitou esta vía provincial para coñecer in situ as necesidades e características da contorna, nun percorrido no que estivo acompañado polo rexedor da localidade, Jorge Cubela, pola concelleira, María Pichel, e polo presidente da Asociación de Veciños, Rogelio Cuíña. 

Tras coñecer a situación da vía, Uxío Benítez anuncioulle ao alcalde que os técnicos provinciais realizarán un estudo de mobilidade sostible de cara a acometer as actuacións solicitadas sempre en consonancia co novo decálogo de actuacións en estradas provinciais e segundo parámetros de mobilidade sostible. O estudo que realizará a Deputación responde a unha demanda para reorganizar os fluxos de tráfico nunha zona de gran afluencia de vehículos, principalmente por ser onde se ubican o centro médico, a casa consistorial e outros servizos, e para dotala de zona de estacionamento, da que carece na actualidade e que se fai moi necesaria para que a veciñanza poida acceder aos servizos médicos e administrativos con certa seguranza. Uxío Benítez tamén aproveitou para visitar o núcleo de Carballedo, lugar no que se celebra un mercado mensual e que acolle regularmente outras citas lúdicas, para coñecer as particularidades da zona e poder contemplalas no estudo técnico da urbanización deste tramo de vía provincial. 

Hai que lembrar que o Concello de Cotobade conta con nove estradas provinciais: Carballedo-Caroi, Caroi –A Lama, Carballedo-Rebordelo, Viascón-Cuspedriños, Xesteira-Almofrei, Vilanova-Tenorio, Borela-Pontecaldelas, Parada-Tenorio, e Paraños-Piscifactoría; e entre todas suman máis de 34, 4 quilómetros. 

Visita a Cerdedo

Uxío Benítez tamén visitou esta mañá varias estradas provinciais no Concello de Cerdedo respondendo, deste xeito, ao compromiso adquirido na xuntanza do pasado mes de xuño co alcalde da localidade, José Balseiros. Naquela xuntanza, o deputado de Mobilidade comprometérase a visitar as obras realizadas na vía que vai de Serrapio á Portela, a EP 7102, para coñecer o estado exacto da actuación. Hai que lembrar que esta obra fóra comezada polo anterior goberno provincial e realizada cos medios do parque de maquinaria da Deputación pero de xeito incompleto, o que está  a ocasionar problemas de desprendemento e de bolsas de auga. Ante esta situación, Uxío Benítez volveu a reiterarlle ao alcalde que se estudará acometer unha segunda fase nesta vía provincial co rigor técnico necesario, e segundo os parámetros de mobilidade sostible, e aseguroulle que se analizará a maneira de solucionar as incidencias derivados da obra anterior. 

Uxío Benítez tamén aproveitou para visitar o punto concreto do coñecido como "cruce de Tomonde" da vía Cerdedo-A Portela, e coñecer de primeira man os problemas de visibilidade para o tráfico rodado desde un dos accesos, e de seguranza viaria para os peóns que deben cruzar dita vía. O deputado aseguroulle ao rexedor que se valorará unha solución técnica que garanta tanto a seguranza dos peóns e como a redución da velocidade dos vehículos. 

O Concello de Cerdedo conta con seis vías de titularidade da Deputación: Cerdedo-A Portela, Serrapio-A Portela, Cerdedo-Castro-Quireza, Cerdedo-Santo Domingo, Rampa-Vilar, e Folgoso-Forcarei, que suman máis de 47,500 quilómetros de lonxitude. 

 

Novas relacionadas