Noticias

A Deputación elaborará un estudo de mobilidade sostible e integral do núcleo urbano da Guarda

O deputado provincial de Mobilidade, Uxío Benítez, e o alcalde da Guarda, Antonio Lomba, acordaron manter unha segunda xuntanza en outubro para planificar as actuacións que se establezan en dito proxecto


04 ago 2016
Mobilidade A Guarda

O deputado provincial de Mobilidade, Uxío Benítez, e varios técnicos provinciais mantiveron esta mañá unha xuntanza de traballo co alcalde da Guarda, Antonio Lomba, co concelleiro da mesma localidade, Miguel Español, e coa deputada provincial e tamén concelleira, Montse Magallanes. A reunión viña determinada a partires dunha demanda do Concello para urbanizar a estrada de titularidade provincial EP-3401 no tramo que pasa pola rúa Concepción Arenal –baixada ao porto-, e reorganizar o tráfico nesta zona. Unha solicitude que derivou nun acordo entre ambas Administracións para acometer un proxecto máis amplo, que comezará coa elaboración dun estudo de mobilidade sostible e integral da contorna de dita rúa. 

"Trátase de evitar actuacións illadas e a curto prazo, e de acometer un proxecto con amplitude de miras, que redunde nunha reorganización dos fluxos de tráfico eficiente e que cumpra os requisitos mobilidade sostible que estamos promovendo desde este departamento" asegurou Uxío Benítez tras a xuntanza. 

Segundo o acordado entre Deputación e Concello, o primeiro paso será realizar o estudo de mobilidade sostible por parte do equipo técnico do departamento provincial de Mobilidade. Ademais, tanto Uxío Benítez como Antonio Lomba quedaron emprazados para unha segunda xuntanza á altura do mes de outubro para analizar as actuacións propostas no proxecto e tomar as decisións relativas de cara á súa planificación e calendarización. A partires desta segunda xuntanza, acordaranse a primeira actuación e a posible sinatura dun convenio de colaboración entre ambas Administracións antes de final deste mesmo exercicio. 

A decisión tomada esta mañá atende ao obxectivo de deseñar actuacións viarias que respondan a estándares de seguranza e sempre atendendo a demandas e necesidades plantexadas desde os propios concellos. O proxecto, ademais de aumentar a seguranza viaria, tamén prestará especial atención aos espazos de coexistencia entre os diferentes sistemas de desprazamento,  ás necesidades dos colectivos máis vulnerables, e ao respecto ás singularidades de cada espazo.