Noticias

A Deputación edita "Camiño aberto", unha compilación de materiais relativos á conmemoración do centenario do nacemento de Lueiro Rey

Será presentado mañá no Arquivo Provincial, ás 20:00 horas


16 xaneiro 2017
Lueiro

"Camiño aberto. 100 anos do nacemento de Lueiro Rey. 1916-2016", editado pola Deputación con motivo da conmemoración do centenario do nacemento do autor, será presentado mañá martes día 17 no Arquivo Provincial, ás 20:00 horas. O volume, coordinado por Ramón Nicolás, compila diverso material relativo ás actividades que durante 2016 se desenvolveron con motivo deste centenario, e inclúe unha biografía vital e profesional do autor homenaxeado que se acompaña dunha ampla escolma de material gráfico.

O libro recolle o mesmo título que a exposición itinerante que durante o pasado exercicio percorreu diversas localidades da provincia e que contou cun importante apoio por parte da Deputación. Comeza cun repaso cronolóxico da vida, obra e traxectoria de Manuel Lueiro Rey, e inclúe reproducións de portadas da súa obra e dalgunhas das súas colaboracións en prensa. Recolle, ademais, un apartado de "epistolario cos amigos" no que se reproduce correspondencia con Valentín Paz Andrade, Isaac Díaz Pardo ou Luis Seoane. O libro complétase con citas e textos de escritores e lectores sobre Lueiro e con reproducións de obra plástica inspirada na súa obra. Ademais da compilación dos materiais citados, o volume tamén inclúe achegas asinadas por Helena Villar Janeiro, Mercedes Queixas Zas, Marcos Abalde, Silvia Penas, Luís Cochón, Eli Ríos, Miguel Cuña, Ramón Rozas e Xesús Alonso Montero, así como de representantes da Deputación e dos concellos de Pontevedra e Fornelos de Montes.

Manuel Lueiro Rey, nacido en Fornelos pero enraizado no Grove, foi unha figura relevante da denominada Xeración do 36; destacou nas súas facetas de poeta e xornalista. Actualmente tanto o Concello de Fornelos de Montes coma o do Grove manteñen viva a súa memoria convocando senllos certames baixo o seu nome: no caso de Fornelos, a través do Premio de Poesía Manuel Lueiro Rey; e no do Grove, co Premio de Novela Curta Manuel Lueiro Rey.