Noticias

A Deputación e o náutico de San Vicente lanzan o ciclo de concertos "Momentos Rías Baixas"

Carmela Silva: "Con este acordo apoiamos o turismo de emocións, multiexperiencial e sustentable, como o do Náutico, que une a nosa marca turística coa cultura musical, os recursos naturais e a gastronomía, que nos posicionan como un turismo único"


06 agosto 2021
Momentos Rías Baixas

O Náutico de San Vicente do Grove acollerá a próxima semana o ciclo "Momentos Rías Baixas" que, patrocinado pola Deputación de Pontevedra, achegará ás emblemáticas instalacións que dirixe Miguel de la Cierva concertos con cartel "segredo" que reunirán durante cinco días a artistas relevantes do ámbito estatal e tamén a valores emerxentes da escena musical galega e, especialmente, da provincia.

O ciclo de actuacións, que foi presentado hoxe pola presidenta Carmela Silva xunto ao responsable do Náutico, Miguel de la Cierva, terá lugar desde o martes día 10 ata o sábado 14 de agosto, con dobre sesión ás 13 horas e ás 20 horas. O cartel será "segredo", como é habitual neste espazo, para manter o factor sorpresa e que o público vaia descubrindo en cada xornada, e a cada hora, ao artista ou á artista protagonista da sesión.

Carmela Silva, cualificou ao Náutico do Grove como "un dos proxectos máis atractivos e sobresaíntes que temos na provincia e que nos últimos anos estase a converter case nun "clásico" dos veráns en Rías Baixas. É un dos grandes referentes musicais e elemento dinamizador do turismo no territorio, que aposta por posicionar o destino na oferta turística musical". A responsable provincial sinalou que a colaboración neste proxecto enmárcase "na nosa liña de apoio a iniciativas de turismo de emocións, multiexperiencial e sustentable, como é o do Náutico, que une a nosa marca turística coa cultura musical, os recursos naturais, e a gastronomía, e que nos posicionan como un turismo único e diferenciado".

Pola súa banda Miguel de la Cierva puxo o aceno nos beneficios deste acordo e agradeceu a colaboración da Deputación. "Conseguir a programación que temos no Náutico, con cen concertos no ámbito privado, para min case é un milagre. Tratamos de levalo adiante e estamos moi agradecidos por ter por primeira vez un apoio institucional tan claro". O responsable do Náutico sinalou que con este ciclo non só se aposta pola música, senón que "os e as propias artistas convértense en prescriptores/as turísticos nas súas redes sociais e o propio Náutico coas nosas publicacións, sendo así actores prolíficos da natureza e dos valores do territorio". De la Cierva defendeu por iso o "segredo" dos carteis do Náutico. "Desa forma poñemos o foco no valor experiencial e non só na capacidade de convocatoria dos e das artistas que veñen a actuar".

"Momentos Rías Baixas" será un ciclo en formato reducido e exclusivo, para garantir ao máximo a seguridade e cumprir cos protocolos esixidos polas autoridades sanitarias. Carmela Silva e Miguel de la Cierva tamén presentaron o cartel do ciclo "Momentos Rías Baixas" que conta cunha ilustración de Rebeca Losada, ilustradora galega cuxos deseños están no top ten e traballa con artistas da talla de Xoel López, ELE, Juan Zelada ou Guille Galván de Vetusta Morla e tamén empresas multinacionais como Inditex.