Noticias

A Deputación e o concello financian a grande obra que converterá Vigo nunha cidade accesible aos ciclistas

Carmela Silva e Abel Caballero asinan o convenio para unha obra que suporá dez quilómetros de carril ciclista desde Teis ata a praia de Samil


02 xaneiro 2018
Senda ciclista

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o alcalde de Vigo, Abel Caballero asinaron esta mañá un convenio para a financiación dunha das infraestruturas máis importantes para a cidade de Vigo como é o carril ciclista de máis de dez quilómetros que conectará o barrio de Teis, desde a rúa Bos Aires, ata a praia de Samil.

Como unha das grandes obras da cidade foi cualificada esta nova infraestrutura, tanto por Abel Caballero como por Carmela Silva, quen destacou que "non se pode empezar mellor o ano que coa sinatura deste convenio que vai supor unha obra altamente demandada pola cidadanía e que vai ser para o gozo dos nosos e nosas veciñas".

A presidenta da Deputación de Pontevedra cualificou este proxecto "como ben pensado, ben elaborado e ben construído e, sobre todo, feito consultando ás e aos implicados que é o que quere a veciñanza. Outras entidades gástanse uns eurillos para facer obras que logo son criticadas polos propios usuarios e polos veciños e veciñas". Silva destacou que a Deputación e o Concello de Vigo son dúas administracións serias que proxectan grandes proxectos serios e ben planificados.

Este novo convenio enmarcase no protocolo de colaboración entre ambas administracións, que como recordou Carmela Silva xa establecía como obxectivo "a transformación sostible da infraestrutura viaria municipal" adaptada ás necesidades da cidadanía e así vai ser este novo carril ciclista. Silva resaltou que esa é "a filosofía que mantén a Deputación en todos os concellos da provincia e que é a súa planificación e a mellora e transformación sostible das infraestruturas viarias dos concellos de Pontevedra".

Igualmente a presidenta da Deputación recordou que o mesmo que fai a institución provincial na cidade de Vigo "é o que está a facer na totalidade da provincia nos outros sesenta concellos, poñendo a disposición dos concellos financiación para a realización dos seus proxectos". Silva volveu a facerse a pregunta sobre "onde se gastaba antes o diñeiro da Deputación?. Hoxe os concellos teñen a súa disposición máis recursos e a institución provincial fai máis inversións que nunca".

Pola súa parte, Abel Caballero destacou que este convenio de preto de seis millóns de euros, dos cales a Deputación aporta máis de 3,5 millóns, vai ser "unha das accións máis exemplares, máis demandadas pola cidadanía e unha das grandes obras da cidade".  Caballero recordou que existe "un antes e un despois da chegada de Carmela Silva á Deputación porque o anterior era á anormalidade". "Levo nestes dous anos asinando máis convenios coa presidenta que xa nin me recordo. Esa é a normalidade entre dúas administracións", concluíu o alcalde de Vigo.

O proxecto desta vía ciclista incluiría, en principio, as actuacións necesarias nas rúas de Bos Aires, Travesía de Vigo, Pizarro, Venezuela, Camelias, Castelao e Avenida de Europa. O proxecto ten unha estimación orzamentaria de 5.895.000 de euros, a executar en dúas anualidades, 2018 e 2019. A Deputación de Pontevedra aporta a este convenio 3.537.000 euros nestas dúas anualidades.