Noticias

A Deputación e o Concello de Vigo colaboran no impulso do "Outono Lírico", organizado pola Asociación Amigos de la Ópera

A programación desta iniciativa cultural espallarase ata finais de novembro e contempla óperas, ciclos musicais e conferencias


07 outubro 2021
Outono Lírico

Co obxectivo de promover a cultura e cooperar co fomento de actividades que contribúan á dinamización económica e social da cidade, a Deputación de Pontevedra acaba de asinar un convenio co Concello de Vigo para impulsar o programa "Outono Lírico" que organiza a Asociación Amigos de la Ópera. A programación desta iniciativa cultural, que se espallará ata finais de novembro, contempla óperas, ciclos musicais e tamén conferencias sobre grandes intérpretes da historia desta disciplina artística.

Con "Outono Lírico" a cidadanía poderá gozar nestes meses de Pasión Gala, o 16 de outubro, ás 20 horas, no Teatro Afundación con cancións, napolitanas e arias de ópera a cargo do tenor Ramón Vargas co acompañamento de Mzia Bakthouridze ao piano. Tamén da Gran ópera Gala, o 31 de outubro, ás 20 horas, no Teatro Afundación, con arias e dúos de óperas como Aída, Carmen, Il Trovatore, Pagliacci ou Don Carlo a cargo da mezzosoprano Nanci Fabiola, do tenor Alejandro Roy e con Javier Carmena ao piano. Finalmente, o ciclo contempla o espectáculo "A emigración galega, cancións de ida e volta", o 6 de novembro, ás 19 horas, no Teatro Afundación, onde o barítono Borja Quiza co pianista Fernando Briones interpretarán cancións de Chané, Xoan Montes, Andrés Gaos, Ernesto Lecuona ou Carlos Gardel que poñen música a textos de Curros Enríquez ou Eduardo Blanco Amor sobre a emigración.

Ademais destas óperas, o "Outono Lírico" contempla unha serie de actividades paralelas como o ciclo Ópera en el Cine que rematará o 26 de outubro, ás 19 horas, no auditorio do Concello de Vigo co visionado da gran función operística Suor Angelica con música de Puccini. Igualmente, tamén terá lugar o ciclo Hablamos de… ¡ Cien Años no es Nada!, con conferencias sobre "Corelli. La voz titánica" a cargo de Ricardo de Cala, director e presentador de Maestros Cantores en Radio Clásica, ou sobre Caruso. Poderoso Señor a cargo de Victoria Stapells e Arturo Reverter, da escrita e crítica musical. A conferencia de Corelli terá lugar o 22 de outubro e a de Caruso o 2 de novembro, ambas as dúas na sala de conferencias do Centro Social Afundación, ás 19 horas.

Amigos de la Ópera trátase dunha entidade sen ánimo de lucro que se dedica a fomentar o coñecemento e a difusión da mellor ópera entre a sociedade viguesa, mediante a programación de concertos e outras actividades, a fin de promover a afección á música como actividade tanto cultural coma social. Ademais da programación do "Outono Lírico", a Asociación Amigos de la Ópera organiza ao longo do ano numerosas iniciativas que xiran arredor desta disciplina musical.