Noticias

A Deputación e o Concello de Poio asinan este xoves dous convenios para mellorar a seguranza viaria e a mobilidade peonil en Campelo

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez explica que os acordos suporán a construción de sendas e zonas de convivencia cun orzamento de 2.245.605 €


17 xullo 2018
Deputado de Mobilidade Uxío Benítez

A Deputación e o Concello de Poio asinarán este xoves dous convenios de colaboración para mellorar a seguranza viaria e a mobilidade peonil en Campelo. Os dous proxectos impulsados polo Servizo de Mobilidade suporán facer realidade unha "demanda histórica" do Goberno local de Poio, segundo dixo o deputado Uxío Benítez, quen indicou que o orzamento de licitación de ambas obras ascende a 2.245.605 euros.

As actuacións conveniadas abarcarán os 1,8 quilómetros da estrada provincial EP-0601 Portosanto-Campelo-C-550, dende o seu inicio ata a igrexa de Campelo, e tamén outros 420 metros correspondentes á estrada provincial EP-0602, que engloba a Avenida da Praia, o Camiño de Esqueiriños e a coñecida como a rúa Padre Avelino, situadas entre a igrexa e o porto de Campelo. Estas últimas actuacións sumaranse á que o Concello está a executar na zona do Porto, unha obra financiada con cargo a fondos do Plan Concellos da Deputación (412.519,23 €) e tamén deseñada polo Servizo de Mobilidade provincial, que eleva o investimento total nas estradas de Campelo a preto dos 2,7 millóns de euros.

Os novos proxectos para a zona suporán a construción de sendas peonís e zonas de convivencia con calmado de tráfico para garantir un tránsito peonil seguro. Ademais da mellora da seguranza viaria nas dúas estradas, os proxectos inclúen a urbanización de toda a contorna, con novos servizos de alumeado público, novo saneamento, e novo sistema de pluviais, entre outros. O seu deseño final foi posible grazas a que o Concello foi quen de acadar todos os terreos necesarios por vía de cesión.