Noticias

A Deputación de Pontevedra e o Concello de Cuntis dan outro paso adiante na rede de saneamento chegando ao núcleo de Ducío (Arcos)

Gregorio Agís: "Gústanos traballar da man dos concellos e financiar as obras que eles deciden que, como sucede neste caso, son cruciais para asentar poboación no rural"


03 febreiro 2021
Cuntis

A veciñanza do lugar de Ducío, na parroquia cuntense de Arcos, está a ver como se executa unha nova rede de saneamento grazas a unha achega de 152.600 euros do Plan Concellos 2019 da Deputación de Pontevedra. Os deputados provinciais Gregorio Agís e Manuel González interesáronse hoxe por esta mellora que se está a realizar en Cuntis e quixeron coñecela de primeira man. Na súa visita estiveron acompañados por Manuel Campos, alcalde do concello, e Conchi Campos, primeira tenente de alcalde.

Gregorio Agís quixo poñer no foco a importancia que este tipo de actuacións ten tanto na calidade de vida das veciñas e veciños do rural así como no medio. Tal e como matizou o deputado provincial "enterrar tubos son sempre obras que se ven pouco e que, ademais, teñen elevados custos, pero dan un servizo fundamental como é o saneamento". Por iso, engadiu, é importante que tanto a Deputación como outras institucións colaboren na mellora dun servizo "que é crucial para asentar poboación no rural". Para Agís "é urxente que Augas de Galicia comece a implicarse neste tipo de obras fundamentais para a veciñanza e tamén para o medio ambiente". Aproveitou a visita para reivindicar a fortaleza do Plan Concellos: "Gústanos traballar da man dos concellos e financiar as obras que eles decidan". "É moi importante que os concellos establezan as prioridades porque eles son os que mellor coñecen o territorio".

Pola súa banda, o alcalde de Cuntis tamén puxo en valor o Plan Concellos, grazas ao que se vai levar a cabo este saneamento, e cualificouno como "unha ferramenta fundamental para o funcionamento do concello e a atención das necesidades que nos expresa a veciñanza". "Os concellos somos maiores de idade para poder investir os fondos que nos conceden outras administracións no que realmente precisa a cidadanía" asegurou Manuel Campos. Apuntou que o concello ten máis do 70 % do seu territorio saneado e que hoxe en día está a facer obras de mellora neste aspecto. Lembrou que mantén o compromiso de completalo durante este mandato, para o que estase a facer un grande esforzo e mesmo se está intentando concorrer a convocatorias de fondos estatais e europeos.

Campos foi crítico ao lembrar que Xunta cobra a toda a veciñanza o canon de saneamento, e, non obstante, o investimento de Augas de Galicia en Cuntis é "de cero euros", ata o punto de que, "todas as obras de saneamento se fixeron con cartos da Deputación e de fondos propios do concello". "É triste que teñamos que concorrer a convocatorias de institucións europeas ou estatais porque a nosa Comunidade Autónoma se desentende do tema e mesmo atrévese a dicir que non é da súa competencia". O alcalde engadiu que "todo o mundo sabe os problemas de contaminación que hai nas concas dos ríos Gallo e Umia e o problemón coa alga microcistina no encoro do Umia".

As obras de saneamento de Ducío consisten na execución de sete colectores enganchados coa rede de saneamento executada polo concello no 2018 no lugar da Casiña. Cando rematen as obras agora mesmo en execución, haberá un colector principal de case 1,1 quilómetros e seis ramais secundarios para conectar os diferentes núcleos de vivendas. Estes sete colectores sumarán preto de 2,5 quilómetros de tubaxes de diferentes seccións que enlazarán toda a rede a unha depuradora de augas residuais con capacidade para albergar as augas das vivendas da Casiña e de Ducío. Coas actuacións que se están a levar a cabo ofrécese servizo a 40 vivendas e a unha poboación estimada dunhas 160 persoas pero na súa execución non só se están a ter en conta o número de vivendas actuais senón que tamén se están a considerar as vivendas de próxima construción.