Noticias

A Deputación e o Cabildo de Fuerteventura intercambian as súas experiencias sobre mobilidade amable

O vicepresidente César Mosquera e o deputado de Mobilidade Uxío Benítez reuníronse hoxe nun encontro técnico co presidente do Cabildo Marcial Morales e a conselleira de Obras Públicas Edilia Pérez


13 febreiro 2019
Deputación e o Cabildo de Fuerteventura intercambian as súas experiencias sobre mobilidade amable

A Deputación de Pontevedra e o Cabildo de Fuerteventura intercambiaron hoxe experiencias sobre o seu traballo en materia de Mobilidade Amable. O vicepresidente César Mosquera e mais o deputado de Mobilidade Uxío Benítez reuníronse co presidente Marcial Morales e coa conselleira de Obras Públicas Edilia Pérez nun encontro técnico no marco das xornadas de formación do proxecto ‘Cidade das nenas e dos nenos' de Francesco Tonucci que se está a celebrar na illa canaria.

Os responsables ‘majoreros' mostráronse moi interesados polo liderado da Deputación de Pontevedra como impulsora dunha rede de ‘vilas Tonucci' na provincia de Pontevedra, así como polas subvencións provinciais aos concellos adheridos para realizar camiños escolares e promover a recuperación do espazo público á medida dos nenos e as nenas, "unha medida que vale para todos os demais". Coñeceron tamén a Guía de Espazos Públicos e Mobilidade Amable editada pola Deputación e considerouna de valía e de guía para desenvolver proxectos en Fuerteventura, unha illa dedicada fundamentalmente ao turismo que quere tamén traballar a prol da súa infancia recuperando espazos.

Pola súa banda, Morales e Pérez explicaron que as iniciativas do Cabildo pasan por dar soporte ao proxecto Tonucci, principalmente dende o eido educativo, aínda que dende o punto de vista da mobilidade tamén se está a traballar na implantación de camiños escolares como o que se acaba de inaugurar no CEIP Bernabé Figueroa no concello de La Oliva.

A participación da Deputación nas xornadas de formación será mañá pola mañá un dos momentos máis agardados do día no Pazo de Congresos de Puerto del Rosario, coa intervención do vicepresidente Mosquera e do asesor de Mobilidade Jesús Fole, que explicarán ao persoal técnico, educativo e social de ducias de concellos de todas as illas canarias en que consiste o ‘modelo Pontevedra' e como se estendeu pola provincia galega.

Pola tarde tanto os representantes provinciais como os alcaldes e concelleiros que participan na comitiva da Deputación* asistirán a unha recepción institucional oficial por parte do presidente do Cabildo de Fuerteventura e da conselleira de Educación do Goberno canario, así como do alcalde do concello de La Oliva, na coñecida como ‘Casa dos Coroneis'.

Xa o xoves, o grupo pontevedrés trasladarase ata Corralejo para participar no IV Encontro de Cidades dos nenos e das nenas do proxecto Tonucci, onde asistirán a unha conferencia inaugural do pedagogo e doutros expertos locais e internacionais, entre outros eventos.


Novas relacionadas