Noticias

A Deputación e Galaxia editan unha edición especial institucional do ‘Álbum Nós' de Castelao

A obra reimprímese para conmemorar a adquisición da obra orixinal por parte do Museo e entregarase de maneira simbólica mañá na inauguración do rótulo do novo nome do Edificio Castelao


01 decembro 2021
Album Nós de Castelao

A Deputación de Pontevedra e a Editorial Galaxia veñen de editar unha edición especial institucional do ‘Álbum Nós' de Castelao. A obra reimprimiuse coa intención de conmemorar a adquisición da obra orixinal por parte do Museo de Pontevedra e entregarase de maneira simbólica mañá na inauguración do rótulo do Edificio Castelao, a nova denominación do edificio da rúa Pai Amoedo.

A deputada de Patrimonio Documental e Bibliográfico, Memoria Histórica e Lingua, María Ortega, explica que a decisión de levar de novo o álbum ao prelo xorde tralas conversas co director xeral de Galaxia, Francisco Castro, xa que a editorial ten legalmente recoñecidos os dereitos en exclusiva para a edición en papel e dixital de toda a obra de Castelao.

"Houbo un acordo total porque entendemos que é preciso colaborar na difusión da obra de Castelao", subliñou a nacionalista, quen destacou que ademais do agasallo ao público do acto inaugural de mañá, a Deputación distribuirá a publicación a todas as bibliotecas municipais da provincia co fin de que calquera persoa a poida consultar.

Ortega subliñou que a Deputación utilizará tamén as copias do ‘Álbum Nós' de Castelao como agasallo institucional, toda vez que é unha obra carismática e emblemática para a cultura galega e o país, cuxo orixinal forma parte dos fondos do Museo de Pontevedra dende finais do ano pasado e se expón no segundo andar do inmoble.

A adquisición definitiva da colección do ‘Álbum Nós' para a institución converteu ao Museo de Pontevedra no centro de referencia para o coñecemento da obra de Castelao, con máis de 5.000 pezas orixinais do autor rianxeiro. A peza é, de feito, unha obra extraordinaria pola súa importancia na evolución artística e ideolóxica de Castelao que "perfecciona" a relación do Museo co debuxante galego.

Castelao será protagonista mañá xoves de maneira tripla para a Deputación: pola  inauguración do novo nome do Edificio Castelao ás oito da tarde no inmoble da rúa Pai Amoedo; pola apertura paralela da mostra ‘Castelao en Europa. A viaxe de 1921' comisariada por Ángeles Tilve -que se poderá visita ata o 23 de xaneiro-; e pola saída á luz da edición especial intitucional do ‘Álbum Nós' á rúa grazas á Deputación e Galaxia.