Noticias

A Deputación e a Xunta emprázanse a buscar unha solución para encaixar a singularidade do Concello do Grove nos grupos de emerxencias supramunicipais

O deputado Carlos López Font anima ao Goberno galego a reestudar conxuntamente a proposta, pendente desde o ano 2017, para que o municipio arousán poida integrarse no sistema dos GES


17 novembro 2020
O deputado Carlos Font mantendo unha reunión por videoconferencia

A Deputación de Pontevedra continuará traballando para tratar de alcanzar un acordo coa Xunta de Galicia que permita integrar ao concello do Grove no sistema dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES) ao obxecto de mellorar a calidade do servizo municipal actual e tamén poñer fin á discriminación que padece o municipio arousán, obrigado a financiar a maior parte do seu custo. A Deputación, que leva defendendo esta medida desde o ano 2017, emprazou a tódalas partes, e moi especialmente á Xunta de Galicia, a emprender un diálogo construtivo que conclúa cunha solución á singularidade das emerxencias no Grove.

O deputado Carlos López Font participou hoxe na Comisión de Seguimento do Convenio GES, formada pola Xunta de Galicia, as deputacións galegas e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP). Durante a xuntanza, a Deputación aceptou a proposta de situar tres novas bases na Lama, A Cañiza e unha sede compartida entre Redondela e Mos, destinadas a cubrir zonas do territorio que agora contan con deficientes tempos de atención ou insuficiente dotación. A proposta fora presentada verbalmente polos representantes da Administración autonómica na xuntanza telemática do pasado día 5. A Deputación de Pontevedra, que pediu entón o aprazamento da decisión ata a recepción da documentación técnica, votou hoxe favorablemente, tal e como tiña anunciado, unha vez recibida a documentación catro días despois.

En canto ao Grove, López Font, lembrou que este Concello tan só dispón dun convenio singular para as emerxencias, á marxe do sistema GES, no que debe achegar gran parte do custo anual, moi por enriba do que lle correspondería no caso de dispoñer da base dun Grupo Supramunicipal. "Hai que darlle unha volta a este tema e sería bo que fixeramos un esforzo de consenso entre a Deputación e a Xunta para volver a tratalo, buscando sempre a mellor solución para O Grove", afirmou Font, quen fixo unha apelación explícita á colaboración e lealdade institucional que debe rexer na política de emerxencias. Deste xeito explicou que o municipio arousán está situado nunha península cunha peculiar orografía. Ademais, resaltou, multiplica por cinco a súa poboación durante o verán, conta con 15 km de costa e 36 praias aptas para o baño, conta con numerosas empresas do sector conserveiro e do mar e, finalmente, figura como zona de risco no plan de incendios e acolle espazos naturais de alto valor ecolóxico.

Diante desta situación, e unha vez mellorado o mapa das emerxencias na provincia coa creación das tres novas bases aprobadas hoxe, a Deputación propuxo, e así foi aceptado tras escoitarse no seo da Comisión de Seguimento intervencións favorables, que a singularidade do Grove se reestude adecuadamente para tratar de acadar unha solución que permita completar o mapa da provincia cubrindo todas as necesidades derivadas dunha xestión integral, eficaz e coordinada das emerxencias.