Noticias

A Deputación de Pontevedra e a Fundación Incyde realizarán o 21 de abril un webinario sobre as oportunidades de negocio nos contornos rurais

A charla, que impartirá en streaming a consultora Maribel Pérez, afondará nos cambios producidos nos ámbitos social e económico e o seu posible aproveitamento para poñer en marcha iniciativas empresariais nun ámbito rural que está a tomar pulo


13 abril 2021

Analizar as oportunidades de negocio que poden ofrecer os contornos rurais, non só con actividades tradicionais senón coas derivadas das novas necesidades e demandas vencelladas á sustentabilidade, a calidade de vida ou o repoboamento, é o obxectivo do webinario que organizan os viveiros de empresas de Barro e Lalín da Deputación de Pontevedra e a Fundación Incyde, e que se terá lugar en streaming o vindeiro 21 de abril, ás 18:30 horas. A encargada de impartir esta charla, que está dirixida tanto a viveiristas, empresas, profesionais, persoas emprendedoras e público interesado, é a consultora empresarial e directora de proxectos de creación da citada fundación, Maribel Pérez.

As persoas interesadas xa poden anotarse para asistir a este webinario desde o formulario dispoñible na páxina web da institución provincial (https://www.depo.gal/-/oportunidades-de-negocio-en-contornos-rurais). O punto de partida desta acción formativa está no pulo que está a tomar nos últimos tempos o rural como nicho de negocio e, neste senso, a charla afondará nos cambios producidos nos hábitos de consumo e nos ámbitos social e económico e en coñecer como poden aproveitarse para poñer en marcha novas iniciativas empresariais.

Máis polo miúdo, concretaranse posibles nichos de mercado e as oportunidades que estes cambios crean no territorio: economía sustentable, dixitalización, Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), saber tradicional, produto local, igualdade de oportunidades, asentamento de poboación feminina e da mocidade, entre outros. As persoas asistentes verán exemplos de como formular un DAFO para un enfoque dos nichos de mercado máis óptimos e coñecerán estratexias para levar a cabo modelos de negocio.

Ademais de consultora e directora de proxectos de creación da Fundación Incyde, a relatora Maribel Pérez, forma parte da directiva de entidades de apoio ao desenvolvemento rural. Compaxina o seu traballo como consultora co de empresaria, dirixindo proxectos de diferentes tipos: comercio electrónico, construción ou aloxamento rural.

As persoas que desexen máis información sobre o evento poden escribir ao enderezo electrónico viveiro.lalin@depo.gal ou contactar cos teléfonos 886 217 360 e 686 540 897.