Noticias

A Deputación de Pontevedra e a Coordinadora Galega de ONGD visibilizan o papel das mulleres mesoamericanas defensoras de dereitos humanos

A mostra itinerante "Defensoras. Sementes de cambio" inaugurarase este sábado en Pontevedra e chegará tamén a Gondomar e A Estrada


19 novembro 2020

Por terceiro ano consecutivo a Deputación de Pontevedra e a Coordinadora Galega de ONGD impulsan "Defensoras de Dereitos", un proxecto que ten por obxectivo visibilizar o papel que as mulleres mesoamericanas están a desenvolver para defender a equidade e os dereitos humanos. Neste 2020, o proxecto contempla a exposición itinerante "Defensoras. Sementes de cambio" que percorrerá Pontevedra, Gondomar e A Estrada, un encontro en liña con mulleres que están a traballar na procura dos dereitos e a presentación duns libros de Lara Dopazo para concienciar á mocidade de secundaria.

A mostra "Defensoras. Sementes de cambio" será inaugurada por Carmela Silva e a portavoz da coordinadora Galega de ONGD, María Paz, este sábado 21 de novembro, ás 11 horas nas Galerías da Oliva de Pontevedra. A exposición, que tamén se poderá ver desde o luns 23 de novembro en Gondomar e desde o martes na Estrada, atoparase nos escaparates dos comercios locais ata mediados de decembro e porá rostro a través de carteis ás defensoras de dereitos, concretamente a 10 mulleres de Honduras, Guatemala, El Salvador, México e Nicaragua.

Xunto á mostra "Defensoras. Sementes de cambio" , no marco do proxecto tamén se presentarán uns libros de Lara Dopazo para concienciar á mocidade de secundaria sobre o papel das mulleres mesoamericanas na defensa dos dereitos humanos. Deste xeito, as publicacións amosan a historia de Miriam Suazo, M.ª Magdalena Cuc Choc e M.ª Estela Mondragón, tres mulleres que protagonizarán, ademais, un encontro en liña aberto á cidadanía no que explicarán as tarefas que desenvolven a prol da equidade e do desenvolvemento humano.

Neste 2020 a Deputación de Pontevedra e a Coordinadora Galega de ONGD colaboran na visibilización das mulleres de IM-Defensoras (Iniciativa Mesoamericana de Mujeres Defensoras de Derechos Humanos), unha entidade que comezou a traballar en 2010 para dar resposta integral e rexional ao aumento da violencia contra as defensoras de dereitos humanos nesta zona americana (México, O Salvador, Guatemala,  Honduras e Nicaragua).

Nas anteriores edicións de "Defensoras de Dereitos" a Deputación e a Coordinadora impulsaron a mostra "Tecedoras de cambio", unha feira de comercio xusto e trouxeron ata a provincia a defensoras de dereitos humanos como as dúas mulleres indíxenas guatemaltecas Juventina López e Manuela (Ita) Xocol e as activistas Georgina de los Ángeles Molina e Alicia Valencia.