Noticias

A Deputación de Pontevedra e a AS-PG repartirán 5.000 exemplares da guía "A familia núcleo das primeiras aprendizaxes na provincia"

A deputada de Lingua, María Ortega, e a vicepresidenta da AS-PG ,Carmen Vilariño, destacan a importancia de ofrecer a pais e nais materiais en galego para manexar a educación das crianzas


15 decembro 2020
Presentación guía familias

A Deputación de Pontevedra e a Asociación Socio Pedagóxico Galega (AS-PG) presentaron hoxe a guía A familia, núcleo das primeiras aprendizaxes, un traballo en galego que pretende para axudar a pais e nais na educación das crianzas en temas como a motivación, a disciplina, a lectura, as emocións e a xestión de conflitos, e a educación afectivo sexual.

A deputada de Lingua, María Ortega, explicou que se repartirán 5.000 exemplares da guía entre os centros de ensino e bibliotecas da provincia, ademais de estar a disposición en formato dixital nas webs da AS-PG e das federacións de ANPAS. Ortega, destacou que este traballo formulouse inicialmente como obradoiros de traballo con familias nos concellos de Bueu, Cambados e Vigo, mais a pandemia obrigou a reformular o formulamento presencial, con artigos realizados por persoas ensinantes, orientadoras e bibliotecarias xuntos nunha guía impresa: "Non hai mal que por ben non veña, e agora temos a oportunidade de difundir as reflexións da guía e chegar a moita máis xente", indicou.

Así mesmo, a nacionalista sinalou que se trata dun traballo esencial, moi pensado e reflexionado porque "as intervencións educativas que se fan na infancia son fundamentais para o desenvolvemento das persoas". Tamén puxo en valor que a AS-PG é fonte de transmisión da lingua galega, "e da nosa cultura, que son as raíces do que somos como pobo, e ben orgullosas que estamos, por iso cremos que a lingua debe ser un valor que se transmita na escola e nas familias".

Neste mesmo sentido, a vicepresidenta da AS-PG, Carmen Vilariño, resaltou que a AS-PG é un colectivo de 40 anos de vida, un movemento de renovación pedagóxica, que aposta pola innovación educativa pensando nun ensino en galego como medio natural de comunicación. "Desgraciadamente hoxe non é así. Temos escolas plurilingües, das que teremos que ver os resultados, que foron en detrimento do uso e da propia lingua galega cando non debería ser así", salientou.

Vilariño insistiu na importancia que a familia e a sociedade, e non só a escola, teñen na educación de nenas e nenos. "Educación é un termo máis amplo que ensino, que é algo máis instrumental. Se escolas, familias, bibliotecas, a sociedade… camiñamos xuntos ou estamos perdidos. Debe haber unha implicación total de todas as partes", explicou.

Por ese motivo, dixo, puxéronse en marcha as ‘Escolas de Familias' que en anos anteriores desenvolveron charlas presenciais. Neste ano da COVID-19, destacou, foi preciso un cambio de formato, polo que se apostou por crear a guía como material de apoio.

De internet ao sexo

Entre os temas que se abordan está a motivación como eixe do aprendizaxe, potenciando elementos emocionais, pescuda de novidades e aspectos sociais. Tamén se fala da educación en positivo, utilizando a disciplina desde o afecto, xa que as crianzas, dixo Vilariño, precisan referentes claros nos que mirarse tendo respecto polos dereitos dos demais.

Outro dos puntos que trata a guía e a potenciación da lectura, dando argumentos de por que é importante ler cas fillas e fillos, xa que o éxito educativo moitas veces está relacionado cos hábitos lectores. Tamén se aborda a educación emocional e a xestión de conflitos e a utilización do diálogo como ritual familiar centrado na mellora da convivencia.

‘Internet e os menores' é outro dos capítulos da guía, un tema fronte ao que se presentan actitudes que deben adoptar pais e nais en diferentes tramos de idade, con ideas para ‘practicar' sen demonizar a rede e sabendo que a realidade é que existe presión social para usar pantallas, acceder a internet e ter contas en redes sociais.

Finalmente, un dos temas máis interesantes aborda a educación afectivo sexual dentro da familia e como e preciso abordar un área que normalmente é tabú tanto no seo familiar como na escola para evitar que as e os menores inicien o seu primeiro coñecemento a través das redes e a pornografía, sen ningunha relación cos sentimentos e con actos cargados de violencia. "Esa situación hai que repensala e abordala", insistiu Vilariño.

Audios

  • Audio