Noticias

A Deputación dotará ao Camiño de Santiago dun itinerario seguro ao seu paso por Valga, cunhas obras valoradas en case medio millón de euros

Peregrinos/as e a veciñanza disporán dunha senda peonil de medio quilómetro con plataforma única de convivencia ao paso polo núcleo de San Miguel


04 novembro 2021
Estrada Valga

A estrada provincial ao seu paso polo núcleo rural de San Miguel de Valga contará cunhas condicións idóneas para o tránsito tanto das persoas que peregrinan polo Camiño Portugués a Santiago como para a veciñanza. A Deputación aprobará na Xunta de Goberno Provincial deste próximo venres un convenio por valor de 462.521 euros co Concello para a execución dunhas obras que transformarán esta contorna. A entidade provincial financiará o 70% do importe e a municipal o 30% restante.

O deputado de Infraestruturas, Gregorio Agís, percorreu hoxe a estrada acompañada do alcalde, José María Bello, e destacou o avance en termos de seguridade viaria nun espazo sensible, ao coincidir ao longo de 260 metros co Camiño Portugués a Santiago. A estrada provincial, subliñou, está moi condicionada pola orografía do terreo e a densidade residencial, polo que o proxecto resolve as necesidades cun deseño enmarcado no modelo de mobilidade integral do século XXI que está a impulsar a Deputación para "democratizar o espazo público", un modelo no que as persoas que camiñan gozan de prioridade.

A actuación vaise realizar entre o PQ 1+050 e o PQ 1+500 e creará un itinerario peonil continuo entre o cruzamento coa rúa da Bella Otero e a saída do núcleo rural, chegando ata a Escola de Chenlo, pertencente ao Colexio Rural Agrupado de Valga. Deste xeito, a comunidade docente tamén verase beneficiada dunha actuación que prevé unha senda peonil continua e unha plataforma de convivencia na zona de maior densidade residencial. A obra baséase na ampliación da sección da calzada e a corrección da situación e o exceso de postes de iluminación existentes. Para elo será necesario executar catro muros de contención e executar, cun adecuado aliñamento, una nova rede de iluminación pública con 16 unidades, ademais de dúas balizas de paso peonil. Tamén está previsto a mellora integral da drenaxe das augas pluviais.

A nova senda peonil terá un ancho de 2,50 metros e estará executada en formigón coloreado de 15 cm de grosor. Para a súa separación da calzada contará cunha sinalización horizontal de 50 centímetros de anchura, con elementos separadores de PVC e bandas reflectantes no centro. Nos lugares de maior pendente instalarase unha varanda de aceiro que, ademais, substituirá á que existe ao principio do tramo e que se atopa en mal estado de conservación. A circulación rodada resolverase cunha calzada dotada con carrís en ambos sentidos da circulación con ancho de 2,75 metros. A maiores, na marxe contraria á senda construirase unha cuneta remontable de 80 centímetros de anchura. Haberá pasos de peóns sobreelevados e badéns e sinalización vertical para garantir o calmado do tráfico.

Ao paso polo núcleo de San Miguel construirase unha plataforma única sobreelevada de prioridade peonil e superficie de formigón coloreado. A plataforma disporá de bandas de lousa de pedra nos laterais e tamén transversais, cada 10 metros, para unha adecuada integración patrimonial nun ámbito no que se sitúa a igrexa de San Miguel.  O ámbito contará tamén con elementos de mobiliario urbano.

Gregorio Agís destacou que esta actuación vén reiterar a aposta da Deputación por mellorar os diferentes tramos dos camiños xacobeos ao seu paso pola provincia de Pontevedra, como demostran as 37 obras xa executadas polo actual Goberno provincial e as 20 planificadas, entre  as que se encontra esta, na estrada provincial Valga-Os Martores.

Máis de 7,3 millóns investidos en Valga

A Deputación leva investidos máis de 7,3 millóns de euros en Valga dende o cambio no Goberno provincial, producido a mediados do ano 2015. Este apoio fixo posible que Valga teña executado una vintena de proxectos para a mellora dos servizos municipais entre os que destaca o saneamento rural, no que a Deputación leva financiado máis de 3 millóns de euros.

A área de Infraestruturas realizou ou está a realizar actuacións por un valor total de 1.945.866 euros  neste municipio en obras como a mellora da seguridade viaria na EP-68504 Forno-Cernadas, a mellora na EP-8503 Cordeiro-Senín, a construción da drenaxe ao comezo da estrada Valga-Os Martores e o convenio que agora sae adiante.