Noticias

A Deputación dota de novos camións multifunción ás brigadas de conservación de estradas do norte e sur da provincia

O director de Mobilidade Daniel Romay recibiu hoxe o equipamento, valorado en 154.000 euros


09 xullo 2019
Novos camións multifunción ás brigadas de conservación de estradas

O departamento de Mobilidade da Deputación de Pontevedra recibiu hoxe dous novos camións multifunción para as brigadas de conservación da rede de estradas provincial. O director de Mobilidade Daniel Romay presentou no parque de maquinaria de Pontevedra os vehículos, que se trasladarán aos parques de Ponteareas e de A Estrada e que se suman ao camión recentemente incorporado ao parque de Lalín.

O novo equipamento consiste en camións de cabina dobre, caixa basculante e grúa articulada que tivo un importe de 77.440 euros cada un, e foi subministrado por ‘Inturasa Pérez Rumbaso SA'. O obxectivo é fomentar unha maior calidade no traballo das equipas das brigadas de conservación das estradas dotando de medios ao persoal, xa que  os vehículos que ata agora cumprían a función tiñan moitos anos de traballo.

As brigadas de Mobilidade da zona Sur, dende as bases de Gondomar e Ponteareas, son as que atenden a maior extensión do territorio da provincia (Arbo, A Cañiza, Covelo, Crecente, Fornelos de Montes, Gondomar, A Guarda, A Lama, Mondariz, Mondariz Balneario, Porriño, Ponteareas, O Rosal, Salceda de Caselas, Salvaterra, Soutomaior, Redondela, Tomiño, Tui, Vigo, Ponte Caldelas, As Neves, Oia, Nigrán, Baiona, Pazos de Borbén e Mos).

Na zona Norte da provincia prestan servicio tres brigadas dende os parques de Codeseda (A Estrada) e Lalín, atendendo aos concellos de Cerdedo, Dozón, A Estrada, Forcarei, Agolada, Lalín, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces.

As equipas de conservación da mobilidade das estradas provinciais, ademais de realizar labores de  mantemento atenden incidencias emerxencia de toda a provincia durante as 24 horas do día os 365 días. As incidencias máis habituais son o soporte e atención en accidentes de tráfico; retiradas de pólas e árbores nas calzadas; a sinalización e actuacións por desprendementos de noiros con terra e pedras; a recollida de animais soltos; fochancas;  asolagamentos; así como saídas por nevadas ou xeo; e outras actuacións variadas (semáforos sen funcionamento, retirada de tapas de saneamento, postes caídos, retirada de metais…).

Nos parques os equipos de medios e maquinaria a disposición das brigadas están formadon motoniveladoras, palas de cadeas, retroexcavadoras, rodillos, tractores agrícolas, extendedoras, compactadoras e barredoras, biotrituradoras, camións con volquete, camións cisterna, vehículos de bacheo, regadores, góndolas e limpapraias, ademais doutros elementos menores como rozadoras.