Noticias

A Deputación destina un millón de euros á reparación das fachadas do Centro Agarimo e do Centro de Educación Especial en Príncipe Felipe

A deputada Eva Vilaverde considera que unha vez acometidas estas dúas obras "a fisionomía de Príncipe Felipe será completamente diferente"


22 xuño 2019
Centro Príncipe Felipe

O Centro Príncipe Felipe segue avanzando na modernización e acondicionamento das súas infraestruturas coa rehabilitación da fachada do edificio que acolle o Centro de Educación Especial e o Centro Infanto-Xuvenil Agarimo. A Xunta de Goberno provincial aprobou na súa última sesión o expediente de contratación das obras para reparar as fachadas de ambos centros por un importe total de 1.007.005, 52 euros e un prazo de nove meses. A aprobación deste expediente de contratación dá continuidade á folla de ruta marcada durante o presente mandato pola deputada delegada do Centro Príncipe Felipe, Eva Vilaverde, para modernizar as instalacións, dando solución ás deficiencias estruturais que acumulaban, e adecuándoas ao seu uso actual, atendendo a criterios de funcionalidade e habitabilidade. "Unha vez rematadas as obras nestas fachadas, e sumadas ás actuacións que xa se levan realizado nos últimos anos, Príncipe Felipe terá unha fisionomía completamente diferente a cando nos fixemos cargo do centro fai catro anos, pero non é só un lavado de cara, é un cambio que repercute na vida diaria das persoas que o usan, tanto o equipo de traballadoras e traballadores como os usuarios e usuarias" asegura Eva Vilaverde.

A reforma e rehabilitación das fachadas de ambos centros contempla o seu reforzo estrutural, coa reparación de linteis, e a substitución das carpinterías das fachadas co fin de acadar niveis óptimos de confort e habitabilidade no edificio. Neste sentido, esta obra de reparación repercutirá especialmente nas condicións de aforro enerxético dos centros, resolvendo os problemas de humidade e falta adecuada de illamento que se viñan acumulando polo deterioro dos elementos da fachada ao longo do tempo. Na mesma sesión da Xunta de Goberno tamén se aprobou conceder un prazo de 20 días naturais para a presentación de propostas para acometer estas obras, contado a partires do día seguinte á publicación do anuncio licitación no perfil do contratante da Deputación de Pontevedra.

Eva Vilaverde lembra que no presente mandado se proxectaron e executaron unha serie de intervencións no Centro Príncipe Felipe que "tiveron por obxectivo avanzar na seguranza do centro, protocolarizar o seu funcionamento, e mellorar a súa funcionalidade e a calidade das súas estancias". A deputada asegura que "con estas actuacións o centro avanzou na súa modernización de xeito evidente e visible, tal e como nos propuxeramos, partindo dunha planificación coherente e dunha racionalización dos recursos e dos tempos adecuados ao funcionamento do propio centro". Este proceso de modernización comezara coa regulación do funcionamento, coa aprobación dun regulamento de organización e funcionamento institucional e os correspondentes protocolos de funcionamento para cada un dos centros, para posteriormente ir avanzando en materia de infraestruturas. Entre as obras máis relevantes acometidas no período, destacan as de renovación das cubertas da Escola-Fogar, do edificio de Maternais e da Escola Infantil, así como a intervención na rotonda de acceso. Precisamente esta última intervención foi clave para solucionar o problema de seguranza viaria na entrada ao centro de menores, facilitando o acceso peonil ao recinto de xeito seguro –que ata entón non era posible–, e incluíndo elementos de calmado do tráfico que tamén melloran a seguranza na contorna do propio centro.