Noticias

A Deputación de Pontevedra concédelle preto de 190.000 € ao Concello de Poio para realizar melloras de saneamento e servizos

A institución provincial adxudicou xa o 74,36 % do Plan Concellos 2016 correspondente ao Concello de Poio, o que representa un investimento na vila de 746.872,57 €


24 abr 2016

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar dúas novas relacións de subvencións a favor do Concello de Poio, por un valor total de  186.962,11 €, no marco da liña 1 (investimentos) do Plan Concellos 2016. A primeira das axudas, de 81.882,78 €, destinarase á realización de obras de mellora de saneamento na rúa do convento de San Xoán. Na segunda investirase na mellora de servizos na rúa de Combarro e contará cunha dotación orzamentaria de 105.079,33 €.

Estas subvencións hai que sumalas aos 184.335,08 € que se aprobaron a semana pasada con cargo á liña 1 do Plan Concellos 2016 a favor do Concello de Poio. Ademais, xa se adxudicaron 123.354,32 €, enmarcados na liña 2, destinados ao financiamento de gasto corrente; 37.662,27 € da liña 3, destinados á Festa da Ameixa, ao duatlón de cros, á carreira popular, á BTT, ao triatlón de Campelo e á Festa do Mar; e 214.558,79 € da liña 4 para a contratación de 30 traballadoras e traballadores que desempeñarán as súas tarefas no Concello.

A Deputación de Pontevedra concedeulle a Poio a cantidade de 1.004.339,91 € dentro do Plan Concellos 2016, dos cales xa se concederon 746.872,57 €, o que representa o 74,36 % do importe total destinado ao Concello.