Noticias

A Deputación destina máis dun millón de euros en obras para "deixar en perfectas condicións" o CEIP Daría González en Príncipe Felipe

Carmela Silva: "Este é un centro competencia da Xunta e que xestiona a Xunta, polo que o lóxico sería que fora a Xunta a que realizara as obras, pero nin está nin a esperamos"


02 xullo 2021
Carmela Silva

A Deputación de Pontevedra vai investir máis dun millón de euros para deixar "en perfectas condicións" o CEIP Daría González en Príncipe Felipe, como anunciou hoxe a presidenta provincial, Carmela Silva. Deste xeito, a Xunta de Goberno deu hoxe luz verde ao proxecto para abordar as obras de renovación da cuberta do centro, ás que se destinará un orzamento de preto de 300.000 euros e, doutra banda, a institución provincial xa encargou a redacción do proxecto para mellorar a envolvente do edificio, na que se prevén investir 800.000 euros.

Son obras, como explicou Carmela Silva, para adecuar e "garantir as condicións de habitabilidade e salubridade" deste edificio que data do ano 1976 e, ao igual que os restantes equipamentos de Príncipe Felipe, presentaba patoloxías "ás que este Goberno está a dar resposta" cun "esforzo" nos investimentos. Neste senso, a presidenta provincial cualificou como "un escándalo" que teña que ser a Deputación a que asuma estes traballos, "porque este é un centro de Infantil e Primaria que é competencia da Xunta de Galicia, que está xestionado pola Xunta e cuxo edificio foi cedido pola Deputación, polo que o lóxico sería que estas obras as fixera a Administración autonómica. Pero a Xunta de Galicia nin está nin a esperamos e non imos ter un centro de educación en malas condicións".

Carmela Silva incidiu ademais en que os traballos previstos enmárcanse dentro da estratexia da Deputación de renovar todos os seus equipamentos con criterios aliñados "cos obxectivos que perseguen os fondos europeos Next Generation". No caso da renovación da cuberta aprobada hoxe, a actuación ten por obxectivo garantir as condicións de habitabilidade e salubridade do inmoble e, levarase a cabo nos tres niveis de cubertas deste edificio sobre a planta baixa, na antiga vivenda de conserxería, no sueste do edificio e na planta segunda. Os traballos abarcarán unha superficie de máis de 1.000 m2 e centraranse na substitución do material de cubrición, remates, baixantes, canelóns e rede de pluviais, para substituír o vello material de fibrocemento por un de panel sándwich de aceiro prelacado, con acabado HDX "que cumpra con todas as normas e garantías".

Doutra banda, a mellora integral da envolvente do CEIP Daría González centrarase en mellorar a calidade térmica do interior do edificio, con criterios de eficiencia enerxética, así como en erradicar as patoloxías das fachadas e as carpinterías.

Audios

  • Audio