Noticias

A Deputación destina máis de medio millón de euros a que concellos e entidades poidan desenvolver accións para promover a igualdade

A convocatoria destínase a que os municipios promovan proxectos neste "eixo prioritario" así como ao desenvolvemento das accións de Conectadas, dirixidas aos colectivos sociais


21 febreiro 2020
Xunta de Goberno

A Deputación de Pontevedra suma un investimento de 554.000 euros nas novas achegas que realizará a través de programas que teñen como destinatarios aos concellos e ás entidades da provincia, a fin de que poidan desenvolver accións en materia de igualdade. Un eido que, como reiterou a presidenta Carmela Silva, "é un eixo primordial desta administración provincial".

Deste xeito, na Xunta de Goberno deste venres a institución provincial aprobou, dunha banda, as bases que regularán as subvencións dirixidas aos 52 concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia para o fomento da igualdade e a prevención da violencia de xénero e, doutra, a asistencia técnica para a execución do programa Conectadas 2020, dirixido a colectivos que traballan pola igualdade.

No caso das achegas aos concellos, a contía será de 230.000 euros e se concederán por concorrencia competitiva. E, con elas, a Deputación pretende que os municipios poidan desenvolver "proxectos e actividades de sensibilización, formación e prevención da violencia machista, iniciativas que poidan xurdir nas Mesas Locais de Coordinación Interinstitucional contra a violencia machista das que nós amais como administración provincial formamos parte, ou proxectos para a mellora da atención integral ás vítimas de violencias, pero tamén para súas fillas e fillos ou persoas que teñen dependencia de mulleres que sofren violencia de xénero". Engadiu a presidenta provincial que estes concellos tamén poderán financiar "programas e actuacións destinados a mulleres en situación de especial vulnerabilidade;  para o emprendemento e a inserción laboral das mulleres ou accións para que os concellos poidan elaborar os seus plans municipal de igualdade". "Polo tanto, a Deputación de Pontevedra pon recursos para que os concellos poidan desenvolver accións destinadas a estes obxectivos, que para nós son primordiais e prioritarios", subliñou.

No caso de Conectadas, a Xunta de Goberno avalou o expediente para contratar a adxudicación dunha asistencia técnica para o desenvolvemento do programa neste ano 2020. Silva indicou que o orzamento ascende a 324.000 euros e apuntou que a iniciativa dirixida aos colectivos sociais pretende "potenciar a participación e promoción das mulleres, favorecer as relacións interpersoais en igualdade incorporando amais de maneira transversal os principios de corresponsabilidade e conciliación da vida persoal, laboral e familiar". A presidenta destacou que nos cursos de Conectadas participan maioritariamente mulleres, "pero cada vez máis homes, porque a igualdade é cousa de todas e de todos".

Os colectivos poderán elixir entre 33 accións formativas diferentes, divididas en diferentes bloques temáticos: "Muller Emprende", "Muller e Cultura", "Actualízate", "Coas túas mans", "Porque ti o fas", "Súmate ao cambio", "Ponte en forma" e "Coidados persoais".