Noticias

A Deputación de Pontevedra destina máis de 335.000 € para mellorar a seguridade viaria na EP-4201 Setados-Ribarteme-Vide nas Neves

O proxecto contempla o reforzo do firme da vía, a realización de cunetas e a renovación da sinalización entre os puntos quilométricos 0+000 e 3+930


31 maio 2020

O Goberno de Carmela Silva acaba de aprobar o expediente para a contratación da obra de "Mellora da seguridade viaria na EP-4201 Setados-Ribarteme-Vide" no concello das Neves. Esta actuación, que conta cun orzamento base de licitación de 335.501,15 € (IVE engadido), permitirá reforzar os firmes da vía, realizar cunetas e renovar a sinalización para garantir a seguridade entre os puntos quilométricos 0+000 e 3+930.

Máis polo miúdo a través desta actuación vaise repoñer o firme da estrada principal, contemplándose 540 metros cadrados de saneos, 3.600 de tratamento superficial, 5.350 metros cadrados de fresado e reposición de firme e microaglomerado en frío en ata 15.900 metros cadrados da EP-4201 ao seu paso polo concello das Neves. Xunto á reparación e reposición do firme tamén se aproveitará a actuación para a construción de ata 2.550 metros lineais de cunetas e para a renovación da pintura no tramo de vía suxeito á actuación. Finalmente, o proxecto de mellora na estrada Setados-Ribarteme-Vide inclúe a renovación da sinalización para garantir a seguridade viaria a través de marcas reflexivas permanentes e de pintura de símbolos.

Está previsto que a actuación na estrada provincial 4201, que contempla tamén cortes e demolicións de pavimentos e escavacións para a preparación dos terreos e da vía, se execute nun prazo de seis meses e que ao remate garanta a prestación do servizo público viario con toda a seguridade para as persoas que a empregan.