Noticias

A Deputación de Pontevedra destina case un millón de euros ao Concello de Tui a través do Plan Concellos 2016

A presidenta da institución provincial, Carmela Silva, subliñou que o Plan Concellos destina un 22 % máis de investimento a Tui


19 nov 2019
Visita ao Concello de Tui
Visita ao Concello de Tui

A presidenta da Deputación de Pontevedra visitou esta mañá o Concello de Tui, onde foi recibida polo alcalde, Enrique Cabaleiro, e todo o goberno da localidade, así como por representantes da Cámara de Comercio, do Club Kayak Tudense e do mundo cultural da localidade. Na súa visita Silva destacou que o novo Plan Concellos destinará un 22 % máis de investimento a Tui e avanzou novas liñas de actuación que a institución provincial está a poñer en marcha.

Carmela Silva manifestou que "os concellos teñen que ser os protagonistas da política porque son os que están próximos ás demandas e necesidades da veciñanza e os que recollen as ideas e cuestións que esta plantexa para que os concellos poidan desenvolvelas". Ademais, a presidenta sinalou que as deputacións o que teñen que facer é favorecer que "os concellos poidan prestar os servizos básicos á cidadanía, distribuíndo os recursos a través de proxectos obxectivos, con criterios claros e permitindo que sexan eles os que os xestionen". Neste contexto o alcalde de Tui manifestou que "afortunadamente, este novo goberno da Deputación de Pontevedra está a impulsar unha forma de facer política máis transparente, equitativa e xusta, que nos vai beneficiar a todas e todos".

Dentro da nova forma de xestionar os recursos públicos a Deputación de Pontevedra puxo en marcha o Plan Concellos cun investimento de 40 millóns de euros (10 millóns máis que no ano 2015), que elimina, ademais, os 6 millóns de euros de libre disposición do anterior presidente. Este plan, que reparte os recursos de forma clara, obxectiva e sen discriminación en catro liñas de actuación (investimentos, amortización e pagamento de débeda, actividades municipais e emprego), significa, tal e como subliñou a presidenta, "que todas as alcaldesas e alcaldes saben cales son os criterios e a cantidade que lles corresponde para xestionar, como consideren, eses recursos". 

No caso concreto de Tui en 2015 o anterior goberno da Deputación de Pontevedra destinou ao Concello 743.000 euros, mentres que, a través do novo plan, a localidade recibirá un 22 % máis de recursos, é dicir, 952.000 € que investirá no que o Concello considere necesario para garantir os servizos públicos da cidadanía tudense. Neste sentido, o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, avanzou que os recursos da Deputación se destinarán a mellorar os servizos públicos, priorizando as infraestruturas viarias, a mellora das condicións das instalacións que prestan servizos básicos coma a educación e o deporte e o acondicionamento do patrimonio histórico e natural da localidade.

Por outra banda, a presidenta informou que "seguiremos apoiando os colectivos sociais, culturais e deportivos pero desaparecerán as subvencións nominativas, que repartían de forma inxusta e discriminatoria os recursos económicos, para poñer en marcha unhas bases de subvencións claras, obxectivas e xustas para que as entidades poidan solicitar axudas económicas".

Ademais, Carmela Silva deu a coñecer catro plans que a institución provincial está a desenvolver na actualidade. Así, comezou destacando a potencialidade turística da provincia de Pontevedra e a importancia do sector turístico para a economía provincial, subliñando que "ata o de agora a planificación e promoción turística se facían de espaldas aos concellos. Nós faremos un plan de actuación turística serio para toda a provincia escoitando os concellos, para que os recursos se destinen a actuacións concretas que teñan un retorno que se multiplique na sociedade. Do mesmo xeito acontecerá co deporte e así, a través das necesidades dos propios concellos e clubs deportivos, crearemos un plan de actuación deportiva que eliminará o reparto discriminatorio dos recursos".

A maiores, Carmela Silva destacou que "a Deputación quere converterse nun altavoz fronte a outras administracións políticas para desenvolver o noso entramado económico e apoiar así os sectores produtivos da provincia de Pontevedra".

Xa para rematar Silva destacou que se está a elaborar, tamén, un plan de infraestruturas que incluirá o mantemento das estradas provinciais así como a firma de convenios cos concellos no caso de estradas provinciais que xa se converteron en vías urbanas.