Noticias

A Deputación destina case un millón de euros a outros tres concellos da provincia

O Goberno deu luz verde a unha achega do Plan Concellos de 117.500 euros para Ponteareas e dúas adxudicacións que mellorarán a mobilidade peonil de Barro e Arbo por preto de 852.000 euros


13 agosto 2021
Xunta de Goberno

Os recursos da Deputación seguen a chegar a todos os recunchos da provincia tras a aprobación, en Xunta de Goberno, de axudas por case un millón de euros (969.400 €) para os concellos de Ponteareas, Barro e Arbo. Para o primeiro deles o órgano provincial deu luz verde a unha achega do Plan Concellos, e Barro e Arbo xa teñen adxudicados dous proxectos de mellora de seguridade peonil moi demandados pola cidadanía

Ao Ponteareas chegarán 117.500€ da liña 1 do Plan Concellos. Con esta subvención financiarase un muro de contención no punto limpo de Areas para garantir a seguridade e estabilidade da súa contorna, que se atopa nun desnivel que fai que a zona corra o risco de desprenderse. Ademais, a inversión servirá para rematar o peche deste punto limpo.

A Xunta de Goberno tamén deu luz verde á adxudicación de dous proxectos de mellora da seguridade peonil por preto de 852.000 euros cos que "seguimos apostando por un modelo de mobilidade segura e recuperación do espazo público", tal e como indicou a presidenta Carmela Silva. Estas melloras levaranse a cabo en Arbo e Barro e realizaranse "ao 100% con recursos da Deputación de Pontevedra" posto que o ente provincial aporta o 70% e o outro 30% finánciano os municipios a través do Plan Concellos.

En Arbo a actuación levarase a cabo na intersección das EP-5202 e a EP-5203 tras aprobarse a súa adxudicación por preto de 587.000 euros. É o investimento máis importante levado a cabo na localidade para un proxecto históricamente demandado pola veciñanza. As obras teñen un prazo de execución de doce meses e realizaranse nun tramo de case medio quilómetro situado entre a contorna da Capela de San Antonio e o Barrio da Estación.

Pola súa banda, para o concello de Barro a Xunta de Goberno aprobou a adxudicación por 265.200 euros da recuperación do espazo e mellora da mobilidade peonil na EP-0508 Curro-San Amaro, ao seu paso pola praza de San Amaro. Os traballos, que se executarán durante seis meses, comprenden a creación dunha zona de convivencia que se dotará de mobiliario urbano moderno e de deseño con bancos de pedra, que tamén dignificará a capela de San Amaro.