Noticias

A Deputación destina ás Neves dúas novas achegas do Plan Concellos por preto de 40.000 euros

Con estes novos investimentos, o Goberno de Carmela Silva financiará a humanización de espazos na vila e a compra de mobiliario e equipamento para a casa do concello


20 outubro 2018
Plan Concellos 2018-2019

A Deputación de Pontevedra aprobou, mediante sendas resolucións presidenciais, dúas novas achegas no Concello das Neves ao abeiro do Plan Concellos. Trátase esta vez dunha axuda de 30.498,87 euros para a urbanización, humanización e mellora do acceso de vehículos e espazos da vila e doutra de 8.863,56 euros para a adquisición de mobiliario e equipamento para a casa do concello.

Ademais desta cantidade, o Goberno provincial ao través do Plan Concellos xa adxudicou anteriormente varias axudas para o municipio. En concreto, 394.536,48 euros na liña 1 destinados a financiar as obras de mellora en Cruceiro, na subida á igrexa en Pios; obras de paso en Pereiro, Covelo, Santa Eulalia de Batalláns e San Xosé de Ribarteme, e a ampliación do Centro Cultural de Rubiós.

Ademais, a Deputación de Pontevedra adxudicou 42.638,98 euros no que corresponde á liña 2 e tamén outros 122.318,53 euros que foron destinados á financiación da contratación de 14 traballadoras e traballadores que están a desempeñar funcións no concello, dentro da liña 3 do Plan Concellos 2018.

A Deputación destina este ano ás Neves, ao través do Plan Concellos, un total de 926.900,17 euros, un 74,36 % máis que en 2017.