Noticias

A Deputación destina a Vilanova de Arousa unha nova achega do Plan Concellos de preto de 45.000 euros

Con este investimento, o Goberno de Carmela Silva financiará obras de pavimentación no camiño Calago, na rúa Xesteira e no lugar de Currás


10 outubro 2018
Plan Concellos 2018-2019

O deputado provincial Javier Dios, informou hoxe que a Deputación de Pontevedra acaba de aprobar, mediante Resolución presidencial, un novo investimento destinado ao Concello de Vilanova de Arousa ao abeiro do Plan Concellos. Trátase esta vez dunha axuda de 43.653,87 euros para financiar obras de pavimentación na localidade.

Máis polo miúdo, vanse pavimentar 180 metros do camiño Calago (que se encontra nas proximidades do Campo Santo), cunha capa de aglomerado en quente de 5 centímetros; na rúa Xesteira pavimentaranse as marxes do vial e reporase o pavimento en mal estado no contorno da capa existente; e tamén no lugar de Currás (Caleiro) vanse pavimentar 2.240 metros cadrados cunha capa de 5 centímetros.

Ademais desta achega, o Goberno provincial ao través do Plan Concellos xa adxudicou anteriormente varias axudas para o municipio. En concreto, 254.581,08 euros na liña 1 destinados a financiar o equipamento para o ximnasio do multiusos, a compra de terreos no Terrón, o subministro da pista multideporte, a adquisición dun local para arquivo municipal, o acondicionamento de camiños en San Miguel de Deiro, o reforzo do firme en Caleiro e o subministro de cadeiras para eventos.

No que corresponde á liña 2, a Deputación de Pontevedra adxudicou 70.896,82 € a Vilanova de Arousa para financiar a Festa do Momo, a actuación musical de verán na Festa do Mexillón e o Berberecho, e para as Sonatas de Verán 2018. E tamén, outros 168.379,94 € foron destinados á financiación da contratación de 16 traballadoras e traballadores que están a desempeñar funcións no concello, dentro da liña 3 do Plan Concellos 2018.

A Deputación destina este ano a Vilanova de Arousa, ao través do Plan Concellos, un total de 1.303.860,85 euros, un 76,41 % máis que en 2017.