Noticias

A Deputación destina a Redondela unha nova achega do Plan Concellos por máis de 50.000 euros

Con este investimento o Goberno de Carmela Silva financiará a mellora de camiños municipais en Vilar, Cesantes e Cedeira


10 novembro 2018
Plan Concellos 2018-2019

A deputada provincial Digna Rivas informou hoxe da aprobación, mediante unha Resolución presidencial, dun novo investimento a Redondela ao abeiro do Plan Concellos por un total de 51.988,12 euros. Trátase dunha axuda que se destinará ao acondicionamento e mellora de camiños municipais en Vilar de Infesta, Cesantes e Santo André de Cedeira.

O Goberno provincial, a través do Plan, xa adxudicou outras axudas para o municipio co fin de subministrar caucho para a mellora das condicións funcionais do céspede artificial de dous campos de fútbol, a subministrar o equipamento deportivo para a pista deportiva da alameda de Redondela, a reordenar o aparcadoiro anexo á alameda de Chapela, subministrar un piano de cola para o edificio multiusos da Xunqueira, subministrar dúas cortinas verticais para o pavillón polideportivo municipal A Marisma, subministrar un palco modular para a realización de distintos eventos na parroquia de Chapela, subministrar megafonía para o pavillón polideportivo municipal A Marisma, o pavillón de Redondela e o pavillón de Chapela, acondicionar e mellorar a rúa Campo das Redes e a rúa Hospital, renovar as redes de saneamento e abastecemento na rúa Patrimonio, sanear os camiños Mouriño, Paparoxo e subida Rabexa e mellorar camiños municipais no Viso e en Reboreda.

No que corresponde á liña 2, a Deputación de Pontevedra destinou 111.669,37 euros a gastos correntes relacionados coa enerxía eléctrica e o servizo de xestión tributaria. Tamén, outros 227.128,81 euros foron destinados á financiación da contratación de traballadoras e traballadores que están a desempeñar funcións no concello, dentro da liña 3 de Emprego.

A Deputación destina este ano a Redondela, a través do Plan Concellos, un total de 2.005.212,11 euros, un 72,85 % máis que en 2017.