Noticias

A Deputación destina a Portas preto de 90.000 euros para a execución de dúas novas actuacións na vila

Con este investimento, o Goberno de Carmela Silva vai financiar o saneamento de augas residuais e pluviais en varios lugares do concello


29 outubro 2018
Plan Concellos 2018-2019

O deputado de Cooperación Carlos Font informou hoxe da aprobación, mediante sendas resolucións presidenciais, de dous novos investimentos en Portas por un valor total de 89.789,35 euros ao abeiro da liña 1 do Plan Concellos. Trátase, nesta quenda, dunha axuda de 47.572,23 euros para financiar o saneamento de augas residuais e pluviais na Igrexa e Outeiro, e outra achega de 42.217,12 euros para o saneamento de augas pluviais na Rapeira.

Ademais destas cantidades, o Goberno provincial a través do Plan xa adxudicou anteriormente varias axudas para o municipio. En concreto, 167.000,96 euros na liña 1 destinados a financiar o subministro de equipamento urbano; subministro de equipamentos para parques infantís; saneamento de augas pluviais en Xagobe-Vilavedra; pavimentación en Xagobe-Vilavedra, Rapeira e Outeiro; saneamento de augas residuais en Romai Vello e Outeiriño; e saneamento de augas residuais en Xagobe-Vilavedra.

No que corresponde á liña 2, a Deputación de Pontevedra adxudicou 36.040,74 euros para a amortización da débeda do concello. E tamén, outros 85.596,77 euros foron destinados á financiación da contratación de 10 traballadoras e traballadores que están a desempeñar funcións no concello, dentro da liña 3 do Plan Concellos 2018.

O Goberno de Carmela Silva destina este ano a Portas, a través do Plan Concellos, un total de 648.353,74 euros, un 74,61 % máis que no exercicio anterior.


Novas relacionadas

Plan Concellos 2019

16 xaneiro 2019, emprego, contratación, economía, portas, plan concellos 2019