Noticias

A Deputación de Pontevedra destina 90.000 euros para certames audiovisuais consolidados na provincia

Poderán optar a esta liña de axudas os certames que xa teñan realizado un mínimo de dúas edicións consecutivas e teñan unha duración mínima de catro xornadas


03 marzo 2018
Audiovisuais

A Xunta de Goberno provincial aprobou na súa última sesión a liña de axudas para entidades sen ánimo de lucro para o apoio ao desenvolvemento de festivais audiovisuais na provincia de Pontevedra para o ano 2018. O prazo para solicitar estas axudas comezará a partir do día seguinte do extracto da convocatoria no BOPPO e rematará o 28 de marzo. Esta convocatoria está dotada cunha partida orzamentaria de 90.000 euros. Hai que lembrar que esta liña de axudas fora convocada o pasado ano por primeira vez atendendo ás demandas das asociacións organizadoras dos principais festivais de curtas, documentais e cinema que se organizan na provincia, e que reclamaban unha liña estable de axudas con criterios obxectivables estables e transparentes.

Para optar a estas subvencións, os festivais deben levarse a cabo durante o ano 2018, ter unha duración mínima de catro xornadas e realizar un mínimo de 20 proxeccións, que un mínimo do 10 % dos títulos sexan de produción ou dirección galega, que inclúa actividades paralelas educativas ou formativas, e que empreguen como mínimo a lingua galega na comunicación e no seu desenvolvemento. Na valoración das solicitudes teranse en conta criterios como a calidade da programación atendendo a premios ou nominacións; o número de persoas espectadoras do ano anterior; as actividades paralelas realizadas na anterior edición; e a viabilidade do proxecto tendo en conta achegas doutras entidades e patrocinios. Tamén se valorarán o número de edicións xa realizadas, as actividades paralelas previstas para a edición 2018 e a previsión orzamentaria para o ano da solicitude.

Na convocatoria do ano 2017, que estaba dotada con 80.000 euros, resultaran beneficiados o XIV Festival de Cans cunha contía de 13.834 euros, o FIC Bueu 2017 con 13.448 euros, o Curtas Film Fest de Vilagarcía de Arousa con 13.448 euros, o XIII Play-Doc de Tui con 13.384 euros, o Festival Novos Cinemas de Pontevedra con 9.935 euros, o VI Festival Primavera de Cine de Vigo con 9.060 euros, e o III Festival de Curtas Armadiña de Poio con 6.809 euros.