Noticias

A Deputación destina 600.000 euros a obras de mellora en estradas municipais da cidade de Pontevedra

A presidenta Carmela Silva e o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores tamén asinaron as addendas doutros dous convenios relativos a obras nos campos de fútbol e ao saneamento


31 decembro 2017
Carmela Silva e Miguel Anxo Fernández Lores

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, asinaron un convenio polo que a institución provincial achegará no ano 2018 a cantidade de 600.000 euros con destino á realización de obras de mellora en diversas estradas municipais da cidade.

Trátase, en concreto, de máis de 200.000 euros para a canalización de augas pluviais no camiño de acceso ao castelo de Lérez, a antiga EP-0016; preto de 250.000 euros para a rehabilitación superficial e a mellora da seguridade peonil do acceso desde A Ruibal ao Xistro, en Salcedo (a antiga EP-0013) e, en último lugar, preto de 160.000 euros que achegará a Deputación de Pontevedra para a mellora da seguridade viaria e calmado de tráfico na contorna do colexio Vilaverde, en Mourente.

A presidenta da institución provincial, Carmela Silva, asegurou que "non hai mellor forma de rematar o ano que asinando convenios cos concellos da provincia". A presidenta lembrou que "coa chegada deste Goberno á Deputación de Pontevedra, asinamos un protocolo co alcalde de Pontevedra no que se formulaba que iamos respectar a autonomía local e que sería o concello o que proporía as actuacións que quería que a Deputación financiara ou cofinanciara". Deste xeito, afirmou, o convenio para as obras de mellora en estradas municipais enmárcase neste "protocolo global que formulaba a participación en proxectos de equipamentos deportivos, de saneamento e de abastecemento en viarios municipais e tamén proxectos de carácter medioambiental".

Addendas aos convenios para o saneamento do Gafos e Mourente e os campos de fútbol

Ademais, Carmela Silva e Miguel Anxo Fernández Lores tamén asinaron as addendas a outros dous convenios que permitirán poder seguir desenvolvendo as obras durante o ano 2018. O primeiro deles é o relativo ás redes de saneamento da parroquia de Mourente e Bora (concretamente na antiga estrada a Ourense) e no río Gafos. A este respecto, o alcalde pontevedrés lembrou que "malia que os traballos están avanzados, aínda quedan algunhas cousas por certificar". A segunda das addendas que asinaron a presidenta provincial e o rexedor municipal foi a relativa ao convenio para a instalación de herba sintética nos campos de fútbol das parroquias de Cerponzóns (en Chan do Monte) e Santa María de Xeve (en Gato Morto).

Miguel Anxo Fernández Lores lembrou que "en 2018 e 2019 seguiremos colaborando e botaremos conta de todos os proxectos que xa temos en mente", como "asinar o convenio para a actuación de seguridade viaria en Mollabao, tamén o acceso a Monte Porreiro" e avanzou outra importante actuación no pavillón deportivo da Parda, que permitirá ao concello "seguir apostando polos deportes de pavillón con instalacións, malia que xa son boas na actualidade, coas que os poderemos desenvolver máis".

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, incidiu en que "todas as actuacións destes vindeiros anos serán as que formule o propio concello" e amosou a súa satisfacción por que "a institución provincial poida traballar conxuntamente co Concello de Pontevedra para desenvolver aqueles equipamentos, infraestruturas ou dotacións que o concello considere que son importantes para poder prestar servizos á súa veciñanza". Silva asegurou que "ademais de rematar 2017 asinando convenios, tamén comezaremos o vindeiro ano do mesmo xeito e estou encantada de podelo facer".