Noticias

A Deputación destina 150.000 euros a subvencionar a rehabilitación de embarcacións tradicionais e instalacións de patrimonio marítimo fluvial

A deputada María Ortega explica que obxectivo é a conservación de pezas, aparellos, artes e construcións destinadas á promoción sociocultural ou musealización


08 xuño 2021

A Deputación oficiará mañá no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra as bases da nova liña de subvencións para poñer en valor o patrimonio marítimo fluvial da provincia. Con estas axudas, que teñen unha partida de 150.000 euros, a deputada de Patrimonio, María Ortega, pretende fomentar a recuperacións de bens de interese do patrimonio marítimo fluvial da provincia, "que conta cunha grande riqueza e singularidade que é preciso preservar e difundir".

Entre as actuacións que poderán recibir axuda económica da Deputación están os traballos de rehabilitación en embarcacións tradicionais (tratamento da embarcación, recuperación de determinadas partes deterioradas, reparacións, montaxe de electricidade, traballos de carenado e pintado, entre outros) co fin de recuperar o seu carácter orixinal ou de manter elementos estruturais que permitan a rehabilitación e o mantemento da embarcación. Así mesmo, tamén se inclúen todos aqueles accesorios e equipamento das embarcacións que sexan de investimento (baterías, motor, depósitos, aparellos, velas, obenques, quilla, drizas, equipamento de salvamento...). As embarcacións deberán sempre destinarse a actividades de promoción sociocultural ou musealización. Unha das novidades é que os traballos de rehabilitación deberán referirse a unha única embarcación por entidade, polo que non serán subvencionables aqueles proxectos que inclúan actuacións sobre varias pezas.

Outras das liñas de actuación subvencionadas será a de obras de restauración e conservación de artes e aparellos de pesca e marisqueo tradicionais, ferramentas e maquinaria, instrumental de navegación, útiles de comunicación e sinalización, cordoería, artesanía e demais elementos vinculados á cultura marítima e fluvial, todos eles destinados a actividades de musealización ou difusión social e cultural. Neste caso poderán subvencionarse os traballos de restauración e conservación de máis dun elemento, pero sempre que formen parte dun conxunto homoxéneo e se xustifique deste xeito na memoria explicativa.

Así mesmo, incluiranse nas axudas (3.ª liña) as intervencións realizadas sobre as distintas construcións e instalacións de terra (almacéns, fábricas, estaleiros, lonxas, casetas de pesca, embarcadoiros e pesqueiras, entre outras), mostras da arquitectura industrial e popular marítimo fluvial na provincia, para seren reconvertidas en espazos culturais. As intervencións deberán referirse a unha única construción ou instalación en terra.

As axudas desta liña do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación, explica Ortega, teñen un orzamento de 150.000 euros e o importe máximo da subvención para cada actuación non poderá exceder do 80 % do seu custo total e tampouco non superar o importe de dez mil (10.000,00) euros. No caso de que os proxectos financiados non esgoten a partida orzamentaria, poderá superarse o límite de dez mil euros por proxecto (sempre que non se supere o 80 % do orzamento), baixo criterios de proporcionalidade e respectando a concorrencia competitiva, así como a valoración técnica do proxecto.

As subvencións poderán solicitarse unha vez se publiquen oficialmente no BOPPO as bases e o extracto da convocatoria, data a partir da que haberá un mes de prazo para a entrega da documentación. Poderán acceder á subvención mediante concorrencia competitiva as entidades sen ánimo de lucro que teñan entre os seus obxectivos a posta en valor do patrimonio marítimo fluvial de Galicia.

Todas as actuacións subvencionadas deberán ter sido realizadas ao longo de 2021 e empregar solucións construtivas de deseño tradicional e orixinal, ademais de materiais que lle sexan propios, quedando excluídas da convocatoria os usos para a pesca ou a acuicultura, aceptándose o emprego dos bens recuperados para a navegación tradicional en regatas, encontros ou actividades de formación.

No pasado exercicio, a liña de axudas para a recuperación e posta en valor do Patrimonio Marítimo Fluvial chegou a 14 colectivos, que se repartiron 101.230 euros para a posta en valora de galeóns, dornas, chalanas e outras embarcacións tradicionais. Principalmente os colectivos beneficiarios localizáronse no Salnés, Vigo, O Morrazo e Poio.