Noticias

A Deputación destina 130.000 euros a festivais musicais e de artes escénicas

Poderán optar festivais que prioricen a programación e difusión da música e do teatro galego e que teñan ao menos dúas edicións consecutivas


07 marzo 2018
Festivais musicais

O vindeiro venres ábrese o prazo para que entidades sen ánimo de lucro presenten as solicitudes pertinentes para o desenvolvemento de festivais musicais e de artes escénicas na provincia de Pontevedra durante o exercicio 2018. Estas axudas, para as que o ente provincial destina un orzamento de 130.000 euros, poderán ser solicitadas por persoas físicas e xurídicas que carezan de fins de lucro, ata o 28 de marzo. Esta convocatoria está especialmente concibida para promover certames que difundan teatro e música en galego e que se levasen a cabo, como mínimo, en dúas edicións consecutivas anteriores á presente edición.

Para os Festivais de Música, as bases establecen que os festivais deben ter unha duración mínima de dúas xornadas e contar cun mínimo de oito grupos, dos cales catro deben ser grupos galegos ou que teñan a presenza de máis de 15 compoñentes galegos e que se interpreten obras de autoría galega. Ademais deben incluír na programación actividades paralelas de posta en valor do sector musical galego ou de formación musical.

En canto aos Festivais de Artes Escénicas, tamén deben ter unha duración mínima de dúas xornadas e contar cun mínimo de oito compañías, das cales un mínimo de tres deben ser galegas ou que se poñan en escena obras de autoría galega e que empreguen a lingua galega nas súas representacións. A programación debe incluír actividades paralelas de posta en valor do sector teatral galego ou formativas.

En ambas modalidades, as entidades solicitantes teñen a obriga de empregar a lingua galega na comunicación nos diferentes soportes e no desenvolvemento das actividades paralelas, sen prexuízo do uso doutras linguas oficiais. Para adxudicación destas axudas teranse en conta criterios de valoración con respecto á ultima edición do festival solicitante como son o número de grupos–compañías ou integrantes; a asistencia ao festival; as actividades ou accións paralelas realizadas; e as achegas propias ao proxecto. Tamén se terán en conta criterios con respecto á edición do 2018, como a antigüidade do festival; as actividades paralelas que se vaian levar a cabo; e a viabilidade do proxecto en relación á porcentaxe de subvención solicitada e orzamento total. Quedan expresamente excluídas desta convocatoria as actividades subvencionadas noutros programas e convocatorias provinciais e os festivais e certames organizados por bandas de música, asociacións e grupos folclóricos, rondallas, agrupacións e masas corais.

Esta liña de axudas, que fora convocada no pasado exercicio p0r primeira vez, ten por obxecto xenérico impulsar os sectores das artes escénicas e musicais, por considerar que se trata de elementos claves da creatividade artística e da dinamización cultural da provincia, e co fin de contribuír á promoción, protección e difusión do patrimonio cultural nestes dous ámbitos. Na edición de 2017 foran beneficiarios destas axudas 14 festivais musicais: o Festival Multidisciplinar Barosa Líquida de Barro, a XVII Festa Xironsa de Cambados, o Canjazz 2017 de Cangas, o Vilariño Folk de Cangas, o Rapasons 2017 de Sabucedo, o Festival DeMonteSound de Forcarei, o Festival Armadiña Rock de Poio, o XI Arrastro Rock Fest de Redondela, o XI Festival Alternativo Millo Verde de Redondela, o IKFEM de Tui-Valença, o XXIV Revoltallo de Música Emerxente de Vigo, o Festival Vertixe Sonora de Vigo, o Festival Minho Reggae Splash de Vigo, e o Festival Rockin'Vila de Vilanova de Arousa. No eido do teatro, foran dúas as entidades beneficiarias: XXXIV Mostra Internacional de teatro cómico e festivo de Cangas da Asociación Cívica Cultural Xiria de Cangas, e a XVIII edición do Festival Internacional de Títeres de Redondela.