Noticias

A Deputación destina 100.000 € para ampliar a rede de saneamento e mellorar a eficiencia enerxética en Bueu

A institución provincial adxudicou xa o 31,73 % do Plan Concellos 2016 correspondente a Bueu, o que supón un investimento na vila de 233.867,79 €


18 abr 2016

A Deputación de Pontevedra, mediante resolucións presidenciais, adxudicou subvencións por valor de 99.905,79 € a favor do Concello de Bueu, enmarcadas na liña 1, investimentos, do Plan Concellos 2016. A través destas subvencións o Concello realizará a ampliación da rede de saneamento entre Castrelo e Pousada-Cela (40.000 €) e a subministración de luminarias para mellorar a eficiencia enerxética no centro urbano e no polígono industrial de Castiñeiras (59.905,79 €).

Estas subvencións son as primeiras que se aproban con cargo á liña 1 do Plan Concellos 2016 a favor do Concello de Bueu, aínda que xa se adxudicaron 133.962 €, enmarcados na liña 4 do Plan, para a contratación de 30 traballadoras e traballadores que desempeñarán as súas tarefas no Concello.

A Deputación de Pontevedra concedeulle ao Concello de Bueu a cantidade total de 736.977,79 € dentro do Plan Concellos 2016, dos cales no primeiro trimestre de ano xa se concederon 233.867,79 €, o que supón o 31,73 % do total destinado a Bueu.