Noticias

A Deputación de Pontevedra volve a apoiar o Corpus de Ponteareas como festa de interese internacional

A institución provincial achega 8.000 euros a unha celebración que é unha das mostras de arte efémera máis vistosas e espectaculares do mundo


21 xuño 2019
Festa do Corpus en Ponteareas

A Deputación de Pontevedra acaba de asinar un novo convenio de colaboración coa Festa do Corpus de Ponteareas, na súa aposta polas festas de interese turístico internacional da provincia. O Corpus reunirá na vila do Tea esta fin de semana a máis de 60.000 persoas que, como xa ven sendo tradicional, gozarán das espléndidas alfombras florais nas rúas da localidade. Ademais, haberá representación doutras comunidades e países onde tamén realízanse alfombras similares sendo este ano Portugal, México e as Illas Canarias que ofrecerán en Ponteareas unha mostra dos seus traballos.

Así, cunha achega de 8.000 euros, a institución provincial apoia un ano máis este evento, declarado no 2009 Festa de Interese Turístico Internacional. É un dos cinco acontecementos con este recoñecemento na provincia de Pontevedra xunto á Romaría Vikinga de Catoira, a Arribada de Baiona, a Rapa das Bestas de Sabucedo e a Festa do Albariño de Cambados.

A tradición do Corpus ten xa máis de 150 anos de antigüidade (data do 1857) e conta co valor engadido de que son as veciñas e veciños os encargados de engalanar as rúas do centro da vila, un minucioso traballo que require moitísimas horas de dedicación para colocar as decenas de miles de pétalos e flores que compoñen estas obras de arte.

Ademais, este ano a Asociación de Alfombristas do Corpus Christi de Ponteareas foi invitada para participar na festa do Corpus de Toledo. Crearán unha alfombra floral e un cruceiro vexetal no atrio da porta da Catedral Primada. Este feito acredita o recoñecemento do que goza o traballo artístico que se fai en Ponteareas.