Noticias

A Deputación de Pontevedra súmase a II edición da feira Etiqueta Negra para poñer en valor a oferta gourmet da provincia

A institución provincial participará neste evento gastronómico cun posto de SmartPeme e cinco talleres de té galego


27 outubro 2017
Tetería en Pontevedra

A Deputación de Pontevedra súmase á celebración da segunda edición de Etiqueta Negra, o evento gastronómico de referencia que comeza este sábado 28 de outubro na capital da provincia. Esta feira, que este 2017 contará con preto de 70 produtores da comunidade, xa é unha referencia no mundo gastronómico, pois xunta nun mesmo espazo a profesionais do sector, produtores e consumidores co fin de coñecer as tendencias do mercado, identificar novas liñas de negocio e difundir a excelencia dos produtos gourmet e delicatessen galegos.

A Deputación participará no evento cun posto do seu programa SmartPeme no que estarán presentes tres empresas da provincia que ofrecerán os seus produtos gourmet. Concretamente, estas empresas serán: La Mariquita de Azúcar, empresa familiar establecida no viveiro de empresas de Barro-Meis que elabora marmeladas artesanais; Mel do Saldoiro, produtora apicultora de Lalín premiada en varias ocasións a nivel galego, e Tres Pastas Delicatessen, obradoiro familiar situado en Paradela (Meis) onde elaboran as súas pastas, "albariñas" e "cukiñas". A institución tamén participará coa organización de cinco talleres sobre té galego para dar a coñecer este cultivo feito con camelias na Estación Fitopatolóxica Areeiro. En relación a esta última proposta tamén haberá sesións comentadas de elaboración de té a cargo das sommeliers Laura Rodríguez y Alicia Colmenar.

Elaboración de receitas, presentación de novidades, degustacións, catas e outras actividades sucederanse durante estes días co obxectivo de reforzar a imaxe de Pontevedra como foco de innovación gastronómica, de amosar a gran capacidade e o enorme potencial da industria agroalimentaria de Galicia como motor da economía, internacionalizar o sector, apoiar e favorecer a difusión e o desenvolvemento de iniciativas levadas a cabo na nosa contorna e achegar aos cociñeiros e profesionais da hostalaría produtos e provedores de marcas gourmet da nosa terra. A feira, que estará aberta os tres días ininterrompidamente de 11:00 a 20:30, tamén ofrecerá showcookings impartidos por prestixiosos cociñeiros con estrela Michelin como Yayo Daporta ou Luis Veira, cursos para profesionais e catas comentadas.