Noticias

A Deputación de Pontevedra remata no Rosal os traballos de mellora da mobilidade peonil na EP-3302

As obras, cun orzamento de 178.743,39 euros, garanten a accesibilidade e a seguridade viaria na estrada provincial


31 maio 2020
EP-3302 O Rosal

A Deputación de Pontevedra acaba de rematar no concello do Rosal os traballos de mellora da mobilidade peonil na EP-3302 Tabagón-O Rosal-Portocelo entre os puntos quilométricos 1+365 e o 1+940. Así, con esta obra, que contou cun orzamento de 178.743,39 euros, o ente provincial reafirma o seu compromiso de mellora do conxunto da rede de estradas provinciais dentro do seu obxectivo de garantir a accesibilidade e a seguridade viaria.

En concreto, a través desta actuación executouse unha senda peonil en formigón coloreado que conta cun trazado paralelo á vía pola súa marxe esquerda. Este camiño, que discorre desde o núcleo de Valdemiñotos en dirección sur-este ata o punto anterior ao paso elevado que dá acceso ao núcleo de San Miguel de Tabagón, cruza superiormente a GC-4.2. Deste modo, establécese un itinerario peonil segregado do tráfico rodado, aportando alternativas de mobilidade máis seguras para a veciñanza do municipio.

Ademais, entre as accións que se realizaron na EP-3302 atópanse unha mellora da drenaxe lonxitudinal mediante cunetas de formigón e zona entubada, cuxa finalidade é recoller as augas procedentes do exterior da vía, e a instalación previa dunha futura iluminación pública feita con dobre tubaxe enterrada de PVC corrugado.

Para a realización desta actuación, A Deputación de Pontevedra acolleuse ao Real Decreto 616/2017, de 16 de xuño (BOE nº 144 de  data  17 de xuño de 2017),  polo que se regula a concesión directa de subvencións a proxectos singulares de entidades locais que favorezan o paso a unha economía baixa en carbono no marco do Programa Operativo FEDER de crecemento sostible 2014-2020, modificado polo Real Decreto 1516/2018, de 28 de decembro (B.O.E. nº 314, de 29 de decembro de 2018), e Real Decreto 316/2019, de 26 de abril (B.O.E. nº 130, de 30 de abril de 2019)  e Real Decreto 1185/2020, de 29 de decembro (B.O.E. nº 340, de 30 de decembro de 2020).