Noticias

A Deputación de Pontevedra remata as obras de mellora da seguridade peonil no acceso á igrexa de Guláns, en Ponteareas

Os traballos contaron cun orzamento de máis de 300.000 euros cos que tamén se procedeu á renovación do alumeado público e á execución da sinalización


05 xullo 2020

A Deputación de Pontevedra segue a apostar por unha mobilidade viaria segura coa finalización das obras do proxecto de mellora e mobilidade peonil na EP-4004.  En concreto, a actuación levouse a cabo nun tramo de case 500 metros da estrada, que dá acceso á igrexa e o cemiterio de Guláns así como ao colexio Feliciano Barrera, no concello de Ponteareas. O obxecto dos traballos foi a mellora do firme da estrada e das instalacións así como a ampliación da beiravía, o que permitiu mellorar a mobilidade na vía con elementos de calmado de tráfico e seguridade peonil. As obras, que comezaron no mes de xaneiro, contaron cun orzamento de adxudicación de 305.023,73 euros.

Máis polo miúdo, no tramo de actuación leváronse a cabo dous tipos de calzada. Un deles formado por dous carrís de 2,80 metros, un para cada sentido de circulación, unha marxe dereita formada por unha beiravía de 0,5 metros e unha marxe esquerda na mesma cota de rasante formada por unha beiravía de ancho variable non inferior aos 1,80 metros. O segundo modelo, levado a cabo na zona da igrexa, consta dunha plataforma única compartida cun ancho de cinco metros para o paso dos vehículos e delimitado por un enlosado de pedra. Neste tipo de calzada, o resto da plataforma está destinada ao uso peonil, accesos e á instalación de mobiliario urbano.

Ademais, a Deputación de Pontevedra levou a cabo a renovación do alumeado público, que se realizou coa substitución do sistema anterior por un máis eficiente e sostible. Na mesma liña, o ente provincial tamén procedeu á execución da sinalización horizontal e vertical correspondente.

Fotos